O Deportivo desaproveitou a oportunidade de abrir distancias coa zona de descenso ao non superar ao CD Lugo en ABANCA-RIAZOR, nun encontro con escasas ocasións por parte de ambos os equipos resolto co empate sen goles inicial.
O técnico deportivista, Fernando Vázquez, realizou unha soa modificación con respecto ao once inicial que presentou na Romareda fronte ao Real Zaragoza. Vicente Gómez entrou no dobre pivote xunto a Álex Bergantiños en lugar do sancionado Gaku Shibasaki.
A primeira metade transcorreu con maior dominio deportivista e o equipo branquivermello acazapado en busca dalgunha saída ao contragolpe, aínda que tampouco escpou da presión alta cando a pelota estaba en poder de Dani Giménez ou os centrais branquiazuis. Deste xeito, as ocasións practicamente contáronse cos dedos dunha man.
A primeira clara chegou no minuto 12, nun afastado libre directo lanzado por Aketxe que Ander Canteiro non puido capturar. O balón caeu á cabeza de Sabin Merino, que non puido precisar o seu toque, nunha acción finalmente invalidada por fóra de xogo de Peru.
Dous minutos máis tarde, o Deportivo xogou un córner ensaiado. Aketxe sacou en curto paralelo á liña de fondo para Emre Çolak. O turco buscou ao bordo da área a Álex, que disparou por encima do traveseiro.
Álex foi de novo protagonista no minuto 17, cando recuperou unha pelota en campo contrario e lanzou en profundidade a Aketxe. Ao mediapunta caeulle a pelota na súa perna menos boa e o seu dereitazo, demasiado centrado, detívoo sen problemas o gardameta visitante.
O Lugo non disparou á portería coruñesa até o minuto 21. Rahmani recibiu un saque de banda na esquerda do ataque lucense e após dous caneos chutou co seu pé dereito ao lateral da rede da portería de Dani Giménez. Acto seguido, o colexiado anulou por fóra de xogo, a instancias do seu asistente, un gol de Emre Çolak. A posición adiantada do turco era practicamente milimétrica.
Aketxe protagonizou as dúas últimas opcións de gol do primeiro período. No minuto 32, perfilouse para disparar coa zurda buscando a cepa do pau contrario. O balón perdeuse pola liña de fondo moi pouco. No minuto 44, o futbolista vasco lanzou unha falta exactamente igual á anterior, que Ander Canteiro freou esta vez en dous tempos.
O cuarto de hora inicial do segundo acto non diferiu demasiado do desenvolvemento da primeira metade. Balón para o Dépor e ausencia de oportunidades de gol. Os branquiazuis tiveron varios achegamentos, como unha aproximación de Bóveda após unha xogada trenzada pola dereita do ataque, pero en ningún momento puxeron apuros reais ao porteiro branquivermello.
O primeiro disparo a porta fíxoo o CD Lugo por medio de Cristian Herrera, no minuto 63. O dianteiro revolveuse dentro da área após recibir un balón de costas a portería para acabar disparando raso a mans de Dani Giménez.
A media hora final discorreu con máis pena que gloria, posto que ningún dos dous equipos conseguiu crear perigo na portería contraria. Os visitantes apertaron nos minutos finais, pero sen chegar a pór a proba a Dani Giménez.
Con este empate, o Deportivo suma 35 puntos despois de 30 xornadas, que sitúan ao equipo coruñés 2 por encima da zona de descenso, que precisamente marca o CD Lugo con 33.
RC Deportivo: Dani Giménez, Bóveda (Hugo Vallejo, min. 86), Mujaid, Peru Nolaskoain, Montero, Mollejo, Vicente Gómez (Beauvue, min. 82), Álex Bergantiños, Aketxe, Sabin Merino e Emre Çolak (Uche Agbo, min. 88).
CD Lugo: Ander Canteiro, Campabadal, Peybernes, Marcelo Djaló (Pita, min. 77), Kravets, El Hacen, Jaume Grau, Seoane, Cristian Herrera (Iriome, min. 69), Carrillo e Yanis Rahmani (Hugo Rama, min. 87).
Árbitro: Arcediano Monescillo (c. castelán-manchego). Cartón amarelo a Peybernes (min. 18) e ao segundo adestrador do Lugo, Vicente Soto (min. 37).
Incidencias: partido da 30ª xornada de LaLiga SmartBank disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 25.963 espectadores.