José Luis Fidalgo Veloso, un dos poucos xogadores que superou a barreira dos 100 goles en partidos oficiais coa camiseta do RC Deportivo e gran protagonista xunto a Amancio do ascenso a Primeira de 1962, faleceu á idade de 82 anos.
Veloso protagonizou unha gran carreira no fútbol profesional, militando 7 temporadas no Deportivo, 4 no Real Madrid (co que gañou a Copa de Europa en 1966), 1 no Ourense e outras 2 no Rayo Vallecano. Ademais, sendo xogador branquiazul vestiu a camiseta da selección española en 4 ocasións (2 contra Romanía, 1 ante Bélxica e 1 fronte a Escocia), todas durante a campaña 1962-1963. Neses 4 partidos deixou a súa firma con 3 goles.
Nacido o 23 de marzo de 1937 en Santiago de Compostela, Veloso aterrou no Deportivo o 1 de xullo de 1958, procedente do Turista, xunto ao seu compañeiro e gardameta Gelucho. Foi aquel un verán de grandes incorporacións, despois de que o equipo evitase o descenso a Terceira o curso anterior ao cabo dunha dramática promoción ante o Ourense. Desde o Victoria CF chegaron dous dos grandes expoñentes da canteira herculina de todos os tempos, Amancio e Jaime Blanco. Dúas lendas como o uruguaio Dagoberto Moll e o arxentino Oswaldo regresaron a Riazor, procedentes do Celta e o Granada, respectivamente. E do Granada tamén chegou un dos compoñentes do histórico 'Barça das Cinco Copas", Eduardo Manchón. Tamén se incorporaron Rabadán (Cultural Leonesa), Antonio Collar (Atlético de Madrid), Gimeno (Espanyol), Rafa Sáez (Ourense), o uruguaio Souto (Elche), José Vigo (Celta), Sobrín (San Pedro de Ponferrada) e o arxentino Doroteo Mario Cívico (Vitória de Guimarães). Tamén foi o ano da frustrada fichaxe do brasileiro Duca, que após adestrarse na Coruña e xogar un partidillo contra os soldados do buque inglés 'Corunna' finalmente asina co Zaragoza.
Aquí podes ver as fotografías de Veloso co Deportivo na web ReCorDos en Branco e Azul
Veloso se enfunda a camiseta branquiazul por primeira vez nun amigable fronte ao Nacional de Montevideo, o 20 de xullo de 1958. O dianteiro centro santiagués sae como extremo esquerdo nun encontro lembrado por xogar nas filas deportivistas Luis Suárez e Arsenio, con permiso de Barcelona e Sevilla, os clubs aos que pertencían naquel momento.
O debut oficial de Veloso produciuse o 21 de setembro de 1958, en partido da 2ª xornada de Segunda División fronte ao Girona. O conxunto catalán impúxose por 3-1. O tanto coruñés foi obra do debutante Veloso.
Non foron anos sinxelos para o Deportivo, que loitaba por volver a Primeira cos goles e o bo facer dun dúo histórico, o que formaban Veloso e Amancio. Pero os branquiazuis sempre se toparon con algunha pedra no seu camiño.
Na súa primeira campaña, Veloso anotou 11 goles, que axudaron a que o Deportivo acabase na 7ª posición. No curso 1959-1960, que o equipo finalizou na 4ª praza, o dianteiro santiagués unicamente marcou 7 tantos. A campaña da súa gran explosión foi a 1960-1961, na que con 26 dianas proclamouse 'pichichi' da categoría, pero tampouco foi suficiente, xa que o Deportivo logrou a 3ª posición cando só ascendía o primeiro e o segundo promocionaba. No exercicio 1961-1962 chegou o tan desexado ascenso, ao que Veloso colaborou con 16 goles.
No seu debut en Primeira División, Veloso deixou o seu selo con 13 goles, que lle converteron no máximo goleador da temporada dun Deportivo que volvía caer á categoría de prata. Un ano despois, pechou o curso 1963-1964 con 17 tantos, todos eles de vital importancia para volver á división de honra nacional. A súa última campaña de branquiazul pechouse con 5 anotacións en Primeira e un novo descenso.
Veloso despediuse do Deportivo como empezou, metendo unha pelota na portería contraria. Foi o 30 de maio de 1965, en El Molinón, en partido de volta dos oitavos de final da Copa, dando ao Dépor unha vitoria estéril (0-1) tralo 0-2 da ida en Riazor. Veloso abandonou as ringleiras do Deportivo semanas despois para poñer rumbo ao Santiago Bernabéu xunto a Jaime Blanco, a cambio de 6 millóns de pesetas, un partido amigable e a propiedade dos xogadores 'merengues' Santos Bedoya e Ramón Gullón, o futbolista que 2 anos despois perdeu a vida nun desgraciado accidente de automóbil.
O dianteiro santiagués saíu do Deportivo sendo o seu segundo máximo goleador histórico en partidos oficiais, con 106 tantos, quedándose a só 1 de Eduardo González Valiño 'Chacho'. Anos despois, a ambos superáronos Diego Tristán (110) e José Manuel Traba (108). Por tanto, Veloso é, a día de hoxe, o cuarto xogador que máis goles marcou vestido de branquiazul.
Os seus 106 goles (marcados en 211 partidos de competición oficial, que o converten no 41º xogador que máis veces defendeu a elástica branquiazul), desagréganse da seguinte forma: 18 en Primeira División, 77 en Segunda e 11 en Copa.
A capela ardente de Veloso quedará instalada no tanatorio Apóstol de Boisaca (Santiago de Compostela) o venres 15 ás 9:00 horas. Alí mesmo, ás 18:00 horas, terá lugar unha misa polo descanso eterno de Veloso.
O RC Deportivo desexa mostrar as súas máis sentidas e sinceras condolencias a familiares, amigos e excompañeiros de Veloso. DEP.