Vicente Gómez, ex futbolista da UD Las Palmas, subliñou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que o partido deste sábado 3 de novembro no Estadio Gran Canaria (20:30 hora peninsular, LaLiga 1|2|3 TV) "vai ser o máis emotivo da miña carreira. Seguramente vai ser o máis difícil da miña vida porque vas loitar contra os teus sentimentos. Oxalá que chegue o máis rápido posible, que o deixe todo no vestiario e salga a xogar ao fútbol que é o que sei facer".
Recalca que será "un partido especial. Importante primeiro porque é un dos mellores equipos da categoría e vai estar arriba até o final. E especial tamén porque son un afeccionado de Las Palmas. Pasei toda a miña vida aí. Por iso vai ser un día especial".
Vaticina que "será complicado" regresar ao Estadio Gran Canaria, pero esta vez ao vestiario visitante: "Sempre que hei ir era para xogar de local. Tomei a decisión de saír de aí e hai que asumir todo o que vén agora. Tentar canto antes enchufarme o máis rapidamente ao partido e deixar os sentimentos no vestiario".
Espera un bo recibimento da inchada canaria porque "sempre defendín o escudo até agora. A xente sabe que eu tamén era e sigo sendo afeccionado do equipo. Máis aló do nivel malísimo que tiven o ano pasado sempre rendín, fun un profesional. Foi o que me ensinaron tamén nesa casa, a ser un profesional, unha serie de valores. Espero un bo recibimento pero ao final eles van animar ao equipo. Diranme cousas boas pero supoño que quererán gañar e que perda o Dépor. Eu irei facer o meu partido e oxalá sexamos capaces de gañar aí que é un estadio moi complicado".
Tralos seus primeiros meses na Coruña, apunta que esa decisión de cambiar de club foi "correcta. Sabía que no plano persoal tiña que tomar esa decisión. Non estaba ben, non estaba a gusto. Co paso das semanas deime conta que estaba triste en Las Palmas. Non polo equipo, senón por min. O descenso e o último ano e medio sentíame moi responsable. O meu nivel non era o mesmo. Entrei nun bucle de cousas negativas que ao final me ía dando conta que estaba máis deprimido do que pensaba. Vir aquí é quitar un pouco o lastre e volver pensar só no fútbol".
O centrocampista branquiazul é consciente de que o conxunto amarelo "é moi bo equipo. Tamén nós somos o Dépor, somos un bo equipo e non imos asinar ningún empate. Como todos os partidos imos saír coas nosas armas a gañar. E logo o devir da situación, o contexto no que se desenvolve o partido, veremos se o empate é bo ou non".
Apunta que "nunha Segunda División tan igualada, gañarlle a un rival directo tamén é importante para nós".
Fala do partido en termos de "un bo desafío. Las Palmas ten moita pegada. Quizais non ten tanto protagonismo co balón. Pero en canto recuperan teñen transicións moi rápidas. Arriba ten xente con moita pegada, xente moi veloz. Vai ser un bo desafío. Agora mesmo están a xogar con 3 dianteiros que para a xente defensiva do equipo vai ser complicado".
Por conseguinte, pide para o Deportivo "ter moito tempo o balón. Temos que ser protagonistas. Illar o máximo posible á súa xente de arriba, á xente que fai os contragolpes deles, como Timor, Galarreta, Javi Castellano..." "Temos que facer un partido moi completo para gañar nas Palmas. Aprender de Córdoba para ter o balón, ter personalidade porque é un estadio moi complicado que cando as cousas van ben, apertan moito", conclúe.
A nivel persoal no que vai de temporada, séntese Vicente Gómez "moi contento. As notas espero polas a final de temporada. Pero no persoal estou moi contento sobre todo por como entrei no equipo, as sensacións que teño son súper boas. Síntome moi valorado polos meus compañeiros, polo míster. Cada vez que estiven dispoñible xoguei. Moi contento e espero render un pouco máis. Noutras temporadas pisei máis a área. Tamén me pido aquí máis presenza na área".