RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Victoria histórica do Dépor ABANCA ante o Espanyol (3-1)

Abegondo acolleu o histórico debut do Deportivo ABANCA na Primera Iberdrola, a máxima categoría do fútbol feminino nacional, que se saldou cunha gran vitoria das branquiazuis, que se adiantaron na primeira metade e responderon con rapidez e contundencia ao tanto do empate visitante mediada a segunda parte.

Arrancou con forza o equipo barcelonés, que tivo un par de achegamentos perigosos nos primeiros minutos. O máis claro, nun balón en profundidade cara a Eli del Estal que Sullastres, co seu pé dereito, arrebatou á dianteira visitante.

Mellorou o Dépor ABANCA co paso dos minutos, até o punto de mandar con claridade. Gozaron as de Manu Sánchez dunha dobre ocasión. Primeiro nunha boa internada de Peke cuxo centro non atopou rematadora. E a continuación nunha cabezada picada de Gaby a centro de Cris que atrapou Mimi.

O Espanyol respondeu mediado o primeiro tempo. Eli del Estal quedou soa, aínda que escorada á dereita, ante Sullastres. O seu disparo estrelouse no lateral da rede.

Acto seguido, o Deportivo ABANCA dispuxo dunha nova dobre ocasión, en senllas xogadas individuais de Michelle Romero e Teresa Abelleira. Esta última acabou nun saque de esquina no que naceu o primeiro gol deportivista en Primera Iberdrola.

Mimi sacou sobre a liña unha primeira cabezada de Noelia Villegas. O balón volveu caer a pés de Teresa Abelleira, que esta vez atopou no segundo pau a Alba Merino. O remate co pe dereito da estremeña tamén a atrapou Mimi pero xa dentro da portería.

A segunda parte arrancou con intercambio de ocasións. Primeiro foi un disparo cruzado de Cris após unha gran cabalgada de Nuria. Despois Sullastres rexeitou a córner un remate de socato de Yiyi desde practicamente a liña de fondo. Máis adiante, Alba Merino cabeceou fóra un córner no segundo pau.

O carrusel de cambios nun e outro equipo deu paso a uns minutos de toma e daca. Athenea, nada máis entrar ao terreo de xogo por Michelle Romero, quedou soa ante Mimi, que evitou o 2-1.

Na seguinte xogada chegou o empate do Espanyol. O gol produciuse despois dun potente pase da morte da xaponesa Ayaka Noguchi, que atopou na área pequena a Paula Moreno, que só tivo que poñer as pernas para desviar o coiro cara ao fondo das mallas.

Non pasaran nin dous minutos do tanto españolista cando Peke volveu adiantar ao Deportivo ABANCA. A extremo dereita conectou un zurdazo desde o bordo da área que se coou na portería visitante despois de que Mimi non puidese atrapar unha pelota que ía moi preto do traveseiro.

Cando quedaba pouco máis dun cuarto de hora para a conclusión, Débora García cometeu falta sobre Athenea dentro da área. A pena máxima transformouna, con forza e seguridade, Alba Merino.

O Espanyol tratou de reaccionar, pero atopouse con Sullastres, nunha cabezada no segundo pau de Eli del Estal. Unha nova internada de Athenea estivo a piques de supoñer o 4-1. O pase atrás da cántabra rematouno Peke, pero a gardameta do equipo catalán detivo o balón cos pés.

O marcador xa non se movería e o partido finalizou coa vitoria branquiazul por 3-1.

Deportivo ABANCA: Sullastres, Cris, Laura, Noelia Villegas, Nuria (María Méndez, min. 59), Alba Merino (Alba Suárez, min. 77), Iris, Teresa Abelleira, Gaby, Peke (Kika, min. 87) e Michelle Romero (Athenea, min. 62).

RCD Espanyol: Mimi, Dulce Quintana (Julve, min. 65), Inés, Soldevila (Brenda, min. 75), Daniela Cruz, Débora García, Letti (Paula Moreno, min. 58), Alvarado, Cristina Baudet (Ayaka, min. 56), Yiyi e Eli del Estal.

Goles: 1-0 Alba Merino (min. 26); 1-1 Paula Moreno (min. 64); 2-1 Peke (min. 66); 3-1 Alba Merino, de penalti (min. 72).

Árbitra: González Sánchez (c. castelán-leonés). Cartón amarelo a Alba Merino (min. 36), Iris (min. 59), Yiyi (min. 65) e Daniela Cruz (min. 75).

Incidencias: partido da 1ª xornada da Primeira Iberdrola disputado na Cidade Deportiva de Abegondo ante uns 1.000 espectadores.