Ximo Navarro asegurou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que tenta "gozar de xogar, sobre todo porque cada vez che vai quedando menos; tentando mellorar todo o que poida; axudar o máximo ao equipo; adestrar ben; e sobre todo que o equipo mellore nesta segunda volta, no partido que nos queda en Tenerife e ir para arriba".
O veterano defensor branquiazul cre que "temos equipo para non sufrir e espero que así sexa".
Vaticina este sábado 11 de xaneiro ás 18:30 na Rosaleda ante o Málaga CF (LaLiga TV Hypermotion, M+ e Fútbol 2) "un partido difícil contra un bo equipo, un equipo con xogadores novos que xa os vimos aquí en ABANCA-RIAZOR moi perigosos. Son moi parecidos a nós ou esa é a sensación que me deu no partido de aquí en casa. Vai ser un partido totalmente diferente ao de aquí e imos ir a por os 3 puntos, a empezar ben o ano porque necesitamos empezar a sumar para ir afastándonos deses postos de abaixo".
Subliña que La Rosaleda é "un campo bonito. Tiven unha sorte de xogar alí en Primera División e sempre hai un gran ambiente. Espérase que vaia moita xente, seguramente estea cheo. Ten unha afección que apoia moito ao seu equipo, que fixo unha boa primeira parte da temporada para ser un recentemente ascendido. Empuxarán, vánnolo a pór moi difícil pero confiamos en nós, en facer as nosas cousas ben, como fixemos moitas veces fóra de casa. Imos ir a por os 3 puntos".
Ximo Navarro lembra sobre a desafogada situación clasificatoria do Málaga CF que LaLiga Hypermotion "é unha liga moi igualada. Calquera equipo pode estar arriba. Ten un bo equipo, chega con esa inercia de ascender, con moitos xogadores da temporada pasada, xogadores novos como temos nós que estaban a demostrar ser desequilibrantes na categoría".
Por este motivo, ao deportivista non lle sorprende a primeira parte da temporada dos andaluces, décimos actualmente con 30 puntos.
Con respecto ao Dépor, admite que "temos que mellorar. Sobre todo en ABANCA-RIAZOR fallamos moito. Se fósemos capaces de ser un pouco máis regulares aquí estariamos nunha situación bastante boa. Até agora non fomos capaces de atopar esa regularidade sobre todo en casa, de conseguir varias vitorias seguidas aquí. Nesta segunda parte da temporada é o punto a mellorar porque fóra de ABANCA-RIAZOR moitas veces fixemos moi bos partidos. Agora imos empezar con dous partidos fóra (Málaga o 11 e Burgos o 19) e imos ir a por eles; e despois iremos mellorar o de casa tamén".
O motivo está para o lateral dereito branquiazul que lonxe de ABANCA-RIAZOR "hai un momento no que sentimos cómodos, quizá temos un pouco máis de xogo de contraataque e aí somos moi fortes. En casa moitas veces toca levar a iniciativa, e cando non conseguimos facelo aféctanos un pouco e o rival aí empeza a dominarnos".