RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Yago Gandoy: "Fisicamente todo o equipo está moi preparado"

Yago Gandoy pasouse esta mañá pola sala de prensa de Abegondo.

Estas foron algunhas das frases do canteirán branquiazul, un dos cinco canteiráns elixidos por Fernando Vázquez para esta recta final da liga.

Oportunidade nesta mini pretemporada

"Estou moi agradecido ao Club por darme esta oportunidade. Estou moi contento por iso, moi ilusionado e coas ganas máximas de facelo o mellor posible e oxalá ter algunha oportunidade".

Futuro de #ANOSACANTEIRA con Fernando Vázquez

"O míster ten fama de axudar aos rapaces moito, de apostar por eles. Coñezo persoalmente a Bicho e cando estaba aquí no Dépor apostou por el. Eu teño moita esperanza, nos adestramentos, nótome ben e oxalá teña confianza en min".

Finalización de contrato o 30 de xuño

"O principal agora é o equipo, centrarse no Sporting, gañar ese primeiro partido e ir paso a paso. Iso (o meu contrato) é un tema que está nun segundo plano. Estou moi contento aquí. É un aspecto que xa se verá nos próximos días, pero está en mans do Club. Estou contento e quero seguir aquí".

"Teño que estar centrado en facelo ben, traballar, ser humilde e xa está. Acabo o 30 de xuño pero non creo que sexa agora o primordial. O primordial é sacar os 3 puntos ante o Sporting, sacar os máximos puntos posibles e conseguir a salvación e por qué, non algo máis".

Papel de Gandoy no primeiro equipo

"Chegar ao fútbol profesional nunca é fácil, aínda que aposten por ti. Sempre é complicado dar ese primeiro paso. O meu papel como o dos meus compañeiros (Alberto, Juan, Valín) é ter a máxima ilusión, traballar, ser humildes e esperar a que nos chegue a nosa oportunidade. Oxalá poder demostrar que temos ese nivel para estar aí".

Oportunidade dourada para un canteirán esta recta final

"Esta mini pretemporada é diferente e, aínda que esteamos moitos xogadores, hai xente que se vai a lesionar. Os canteiráns oxalá podamos ter algunha oportunidade, minutos e facelo ben para axudar ao equipo".

Estado do equipo

"Noto moita ilusión e moitas ganas. Todos viñeron moi ben, coidáronse moito na corentena, incluíndome a min. O equipo ten moitas ganas de empezar a competición, de conseguir eses 3 primeiros puntos ante o Sporting e empezar a subir postos para saír de aí abaixo. Vexo ao equipo moi ben, sobre todo moi ben preparado fisicamente".

#ANOSACANTEIRA lista para os novos tempos?

"Con esta pandemia o diñeiro vai baixar, é evidente. O diñeiro vai ser menor en todos os clubs. E é aí onde a canteira pode ter máis protagonismo. Eu persoalmente creo que estase traballando ben en #ANOSACANTEIRA; e hai xente que vén de abaixo que pode dar o nivel para estar arriba, estar no primeiro equipo e achegar cousas".

Dous grupos nunha Terceira División xa finalizada esta campaña

"É difícil saber se é unha solución boa ou mala. Hai que buscar solucións e hai que asumilo. Os catro equipos que xogarán o play off ao final foron os máis regulares, merecérono. Unha pena que nós non puidésemos chegar. Cos partidos que quedaban posiblemente chegariamos. Agora o importante é a saúde".

Papel dos canteiráns deportivistas nesta recta final de liga

"Temos moita ilusión e esperanza. O papel que queremos ter é de achegar. O importante é saír de aí abaixo e gañar o máximo de partidos posibles. Oxalá podamos achegar e ter algunha oportunidade".

Comportamento do Dépor

"O que me transmite o equipo é moitas ganas e ilusión por saír de aí abaixo. O equipo está moi preparado. O partido contra o Sporting é moi importante, é o primeiro, hai que empezar cunha boa dinámica. Estamos convencidos no vestiario de que imos saír desa situación perigosa. En 5 ou 6 partidos xa imos estar máis relaxados".

Esixente sesións

"Todo o equipo está a levalo da mellor maneira. Coa calor que está a facer estes días ao final complícase. Fisicamente todo o equipo está moi preparado".

Privilexiado

"Os que estamos aquí arriba facendo esta mini pretemporada co primeiro equipo somos uns privilexiados. O Club está a darnos unha oportunidade moi grande de adestrar con xente moi boa e cun corpo técnico moi bo. Agradecidos ao Club e moi ilusionados para traballar, para achegar e para ter algunha oportunidade".