O Real Club Deportivo participará na nova iniciativa presentada por LaLiga este mediodía en Madrid: LaLiga Genuine, que arrincará na Temporada 2017/2018. LaLiga Genuine será unha liga de fútbol para quipos do colectivo DI (persoas con discapacidade intelectual).
Como se comentou esta mañá na sede de LaLiga "Os obxectivos desta competición son a normalización da práctica do fútbol no colectivo DI, o compromiso do fútbol profesional con este proxecto integrador e socialmente responsable e conseguir que todos os clubs de LaLiga conten co seu equipo Genuine, o cal achegará un gran valor social".
O Real Club Deportivo sumouse sen dubidalo desde o primeiro momento a esta proposta de LaLiga e formará un equipo con membros das asociacións coruñesas Aspanaes, Down Coruña, Aspronaga e Fundación Adcor.
Como o resto de conxuntos da base do Deportivo, será coordinado desde a área de fútbol formativo, disporá de dous adestradores e exercitarase un día á semana para preparar as 4 citas do calendario desta competición de Fútbol 8 mixto. 20 xogadores formarán o equipo que traballará nas instalacións da Cidade Deportiva de La Torre. O Club quere agradecer ao Concello a súa participación neste proxecto deportivo e social coa cesión do campo de adestramento para o novo equipo do Dépor.
Na súa primeira temporada, LaLiga Genuine contará con 16 clubs máis: Athletic Club, Espanyol, Atlético de Madrid, Real Sociedad, Valencia, Osasuna, Villarreal, RC Celta, UD Las Palmas, Levante, Reus, Nàstic de Tarragona, Mallorca, Girona, Córdoba e SD Huesca.
LaLiga Genuine conta xa con 4 sedes confirmadas: Vila real (do 6 ao 8 de outubro), Tarragona (do 19 ao 21 de xaneiro), Mallorca (do 13 ao 15 de abril) e Vigo (do 8 ao 10 de xuño).
En LaLiga Genuine, ademais da suma de puntos polos resultados deportivos, co fin de que prime a deportividade e non a competitividade, todos os clubs contarán cada xornada cunha serie de puntos que premien o xogo limpo. Trátase dunha liga para compartir, non competir e todas as accións que promovan o fair-play serán premiadas con puntos na clasificación final.