Pablo Marí foi o protagonista esta mañá na sala de prensa de Abegondo.
Cre que o partido deste domingo 12 de maio en ABANCA-RIAZOR ante o Cádiz CF (16:00 horas, Movistar Partidazo) é "moi importante para nós, mesmo diríache que para eles. Estamos nunha situación moi parecida os dous, practicamente co mesmo obxectivo".
Por este motivo, subliña que esta semana é "clave para afianzarnos coa dinámica que vimos nestas dúas semanas. E ademais xogamos en ABANCA-RIAZOR. É un partido moi importante no que temos que estar súper concentrados e saír a gañar".
Do rival, destaca o central deportivista que "ten moitísima verticalidade. Leva moitos meses facendo as cousas moi ben, vai ser complicado, un equipo moi agresivo que che pon as cousas moi difíciles. Arriba ten moitísimo perigo".
Por conseguinte, o defensor branquiazul vaticina un encontro "súper disputado no cal o que saiba controlar os detalles será o que leve o partido".
Neste tramo decisivo do campionato, asegura que o Dépor "está ilusionado, con ganas. Sabemos que as cousas agora mesmo están a saír mellor que en partidos anteriores. Pero ao final xogamos en ABANCA-RIAZOR ante a nosa xente. Máis ganas que isto non podemos ter. Sabemos que o estadio vai estar connosco. E é un partido que os necesitamos. Xogar co estadio a favor é xogar con 12. Todo o mundo ten que ser consciente diso".
Non lle preocupa non ter a posesión do balón, como sucedeu nos dous últimos partidos saldados con triunfo: "Ao final o equipo sacou o partido con ganas, ilusión, atrevidos, agresivos. O que hai que facer é sacar os 3 puntos. Tentaremos tela todo o posible pero o importante é sacar os 3 puntos".
Advirte que trala derrota ante o Extremadura UD no último partido en ABANCA-RIAZOR, "imos puíndo eses detalles que nos penalizaron moito tanto en casa como fóra. Agora maduramos un pouco máis os partidos, estamos máis preto de gañar que de perder. O equipo está ben, está con moitísimas ganas e ilusión. Non vemos máis aló do partido do domingo".
Nesta liña insiste en que "este equipo soubo levantarse, soubo pelexar, soubo corrixir erros. E a partir de aí gañamos partidos fóra de ABANCA-RIAZOR. Quedo con iso. O equipo tira de caste, de ilusión, de coraxe e saca os partidos. Sacamos estes dous partidos fóra de casa e agora xogamos en casa coa nosa xente. Temos que xogar con 12".
Máis que sumar a terceira vitoria consecutiva por primeira vez esta temporada, Pablo Marí márcase como reto "gañar os 3 puntos. Os dous partidos pasados son pasado. O que tes en fronte é o partido do domingo, que repito é súper importante. Vai ser un partido moi complicado. Temos moitas ganas de xogalo e deixarnos a pel niso. Poderase gañar ou perder pero temos que saír coa mentalidade de gañar e ir a polo partido".