O debut do Dépor en Abanca-Riazor o vindeiro domingo ás 20:45 h. fronte ao Real Sporting traerá aparellado a estrea de dúas infraestruturas e investimentos realizados polo Real Club Deportivo durante o verán e que estarán listas en tempo e forma para o primeiro partido da temporada: a nova iluminación e o céspede.
O proxecto de iluminación, no que o Real Club Deportivo inviste 1,7 millóns de euros, desenvolvido por LaLiga e a enxeñería coruñesa Área 34 con proxectores Philips suministrados por Grupo Novelec Galicia e instalados por Arias Infraestructuras, conta con 352 novos proxectores Philips ArenaVisión LED Floodlight de segunda xeración, cunha potencia unitaria de 1314 w e 147915 lum, que achegarán unha iluminancia media sobre o terreo de xogo que oscilará entre os 2639 e os 2793 luxes. Estes valores permiten retransmitir por televisión todos os eventos con tecnoloxía 4K.
A iluminación anterior estaba composta por 287 proxectores GE, cunha potencia unitaria de 1650 w e 177000 lum, que achegaban unha iluminancia media sobre o terreo de xogo de 1050 lux e que, ante un eventual corte de subministración como sucedeu hai ano e medio, necesitaban 15 minutos de reencendido para alcanzar de novo o 100% de potencia lumínica. Coa nova iluminación o tempo de reencendido redúcese a menos dun segundo, un tempo que case resultará inapreciable para o espectador e que garantirá a continuidade do evento deportivo.
Para a nova instalación, necesítanse 15530 metros de cable eléctrico de distintas seccións, 2380 metros de cable de datos UTP/DMX e 880 metros de cable de fibra óptica. Para a protección eléctrica dos proxectores instalaranse 16 novos cadros eléctricos de potencia, repartidos polas distintas salas eléctricas das que dispón o estadio. Ademais para o control dos proxectores instálanse 5 cadros de control, que controlarán de forma independente a iluminación do catro bancadas do estadio.
Os espectadores que asistan a Abanca-Riazor durante esta temporada soamente poderán gozar dunha iluminación cun 40% da potencia máxima, debido á limitación de potencia eléctrica da que dispón a instalación actualmente. No entanto, se as condicións permíteno, poderanse desenvolver shows lumínicos similares aos dos estadios que xa dispoñen desta nova tecnoloxía 100% LED, que se está instalando.
A previsión para o partido do domingo fronte ao Sporting é o funcionamento de todos os proxectores das cubertas de Tribuna e Preferencia (100 unidades en cada cuberta), funcionando ao 100% de potencia para a disputa en condicións óptimas de iluminación do partido, aínda que sen posibilidade de realizar ningún show lumínico. Os do fondo serán instalados cando conclúan as obras de saneamento da estrutura e substitución das cubertas de Pavillón e Marathón.
Pola súa banda, Royalverd encargouse por terceira temporada de mantemento do céspede nunhas condicións especiais e complexas ao estar no centro dunha obra de gran envergadura como a da substitución das cubertas do Estadio.
A primeira fase consistiu en eliminar os primeiros 10mm de céspede deixando o campo en terra. Desta forma eliminouse a contaminación por mala herba Poa annua, os restos de materia orgánica acumulados e conséguese manter a boa infiltración de auga do terreo.
A continuación de aplicaron 30 toneladas de area e realizouse unha nivelación do terreo para corrixir pequenas irregularidades do mesmo.
A sementa realizouse con 2 especies: Lolium perenne e Poa pratensis. Ademais escolléronse dúas variedades específicas polo clima de Galicia de cada unha delas. É dicir, sementouse con 4 variedades diferentes. Despois de sementar aplicáronse outras 30 toneladas máis de area.
Durante as primeiras semanas do novo céspede incorporáronse produtos para mellorar as características do terreo, fertilizantes sólidos e foliares, enraizantes así como diferentes produtos biolóxicos, mentres que a aireación constante do terreo foi outro dos traballados realizados cada 15 días.