A pretemporada de Os Nosos sobe de nivel co terceiro test este martes pola tarde ante o FC Famalicão da Primera División portuguesa
O Dépor disputa este martes 30 de xullo (20:30 hora galega, 19:30 hora local, sen televisión) o terceiro amigable do verán despois das vitorias da pasada semana ante o Ourense CF (0-4) e ante o Pontevedra CF (0-2).
A pretemporada sobe de nivel posto que o seu rival será o FC Famalicão, club que milita na máxima categoría do fútbol portugués, no Estádio Municipal Vila Nova de Famalicão.
Imanol Idiakez ten a todo o seu cadro á súa disposición salvo Raúl Alcaina, con adestramento personalizado co readaptador Fernando Rodríguez; e David Mella, cuns días de descanso despois de proclamarse campión de Europa sub-19 o pasado domingo ante Francia.
Esta mañá, o técnico deportivista dirixiu unha nova sesión no Complexo Deportivo de Lousada, cuartel xeral de Os Nosos en Portugal.
Os futbolistas realizaron unha activación con roldo e un ensaio táctico de cara ao choque desta tarde.
Pola súa banda, o conxunto luso chega con algo máis de rodaxe nas súas pernas posto que arrinca LaLiga Portugal Betclic 2024/25 o 11 de agosto no seu estadio ante o SL Benfica, unha semana antes que o Deportivo LaLiga Hypermotion.
Neste verán, o FC Famalicão derrotou ao FC Peñafiel (3-1) da Segunda División e ao Clube Desportivo Trofense (3-0) da Tercera División; e empatou co Leixões SC (1-1) tamén de Segunda.
As entradas para o partido custan 10 euros e pódense adquirir na Tenda oficial do estadio desde as 18:00 (hora local).