RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
FUNDACIÓN

A xornada de LaLigaGenuine arrancou esta tarde en ABANCA-RIAZOR co acto inaugural

A segunda fase de LaLiga Genuine 2023-24, coa Fundación RC Deportivo como anfitrioa, arrancou esta tarde co acto inaugural celebrado no Estadio ABANCA-RIAZOR.

María Noriega, da Fundación LaLiga, foi a encargada de presentar o acto, no que interviñeron o presidente do RC Deportivo, Álvaro García Diéguez, e o presidente da Fundación LaLiga, Clemente Villaverde.

O máximo mandatario deportivista deu a benvida aos 24 equipos participantes que visitan A Coruña esta fin de semana "para xogar o mellor fútbol do mundo. Roubareille unha frase ao presidente da Fundación LaLiga, Clemente Villaverde, para explicar por que é o mellor fútbol do mundo: porque nesta liga o importante é compartir, non competir. E porque os valores e obxectivos da Genuine van moito máis alá do que sucede no campo".

Álvaro García Diéguez agradeceu á Fundación LaLiga e ao seu presidente "a confianza depositada" no RC Deportivo, á vez que destacou a importancia dos Concellos da Coruña e Abegondo, así como as dos patrocinadores do Dépor Genuine, Vales y Asociados, Duacode, Quirónsalud e Ontime, por "ir da man connosco para construír unha sociedade máis diversa, inclusiva e solidaria".

O presidente branquiazul tivo palabras cariñosas con Cruz Vermella A Coruña, a asociación Down Experience, a Asociación de Veteranos do RC Deportivo e os voluntarios e voluntarias que prestarán a súa axuda a todos os participantes e visitantes esta fin de semana, á vez que desexou a todos que gocen "dunha fin de semana Genuine".

Após un intercambio de placas entre os representantes institucionais, produciuse a entrega de recordos aos 24 equipos participantes: Fundación Málaga CF, FC Andorra, Deportivo Alavés, Real Sociedad Fundazioa, Real Betis Balompié, Burgos CF, FC Cartagena, Getafe CF, Real ValladoliDI, Fundación Albacete, SD Ponferradina, Racing Club de Ferrol, Real Racing Club de Santander, Granada CF, SD Eibar Fundazioa, CF Fuenlabrada, CD Lugo, Fundación Real Madrid, Elche CF e Dépor Genuine. Todos eles posaron para a foto de familia, antes de emprazarse para o inicio dos partidos, mañá sábado ás 10:00 na Cidade Deportiva de Abegondo.

Dous días inesquecibles por diante

Desde hoxe venres 15 de marzo até o domingo 17, A Coruña e Abegondo acollerán este acontecemento por segunda vez desde a posta en marcha, en 2017, desta competición para futbolistas con discapacidade intelectual. Con anterioridade, a Fundación RC Deportivo tamén organizou a 2ª fase da temporada 2018-19.

Hoxe produciuse a chegada dos 23 equipos que, ademais do Dépor Genuine, participarán nesta fase. A primeira actividade para eles, máis aló do fútbol, foi unha limpeza da praia de Riazor liderada por We Sustainability, a través do proxecto WEDÉPOR, e en colaboración cos patrocinadores do Dépor Genuine 2023-24: Duacode, Vales y Asociados, Quirónsalud e Ontime. We Sustainability tamén instalará en Abegondo unha caseta no que realizarán actividades para transmitir a importancia da reciclaxe e do coidado do medio ambiente.

Tralo acto inaugural desta tarde no Estadio ABANCA-RIAZOR, durante a fin de semana celebraranse 36 partidos: 12 na matinal do sábado, 12 na tarde do sábado e 12 na mañá do domingo.

O equipo deportivista, dirixido por Lucía Otero, Carlos García Collazo e Breogán López e o delegado Andrés Echevarría, disputará tres encontros, como é habitual, que nesta ocasión terán como escenario o campo 1 da Cidade Deportiva de Abegondo. O sábado medirase á Fundación Real Madrid pola mañá e ao Real ValladoliDI pola tarde, mentres que na matinal do domingo enfrontarase ao CD Lugo.

Os 16 convocados son José Manuel Serrano, Víctor Vales, Senén Fernández, Álex Rey, Mamadou Fall, Carmen Durán, Andrés Barbeito, Nuria Barreiro, Ton, Mario Ventura, Alejandro Gómez, Gabriel López, David Miranda, Miguel Rivas, Minchi e Alexandra López.

Tanto no acto inaugural como nas xornadas futbolísticas do sábado e o domingo, a Fundación RC Deportivo en colaboración coa asociación Down Experience porá a disposición de todos os asistentes un servizo de restauración. Os afeccionados que se acheguen a Abegondo poder adquirir e gozar os seus produtos, como o seu xa coñecido bocadillo de luras, nun food truck que permanecerá aberto durante a celebración dos partidos na Cidade Deportiva.

O plan de competición do Dépor Genuine é o seguinte:

Sábado 16 de marzo
11:00: DÉPOR GENUINE - FUNDACIÓN REAL MADRID, no campo 1
17:30: REAL VALLADOLIDI - DÉPOR GENUINE, no campo 1

Domingo 17 de marzo
11:00: Primeira entrega de premios
12:00: DÉPOR GENUINE - CD LUGO, no campo 1
12:00: Segunda entrega de premios
13:00: Terceira entrega de premios e clausura

CALENDARIO DAS DÚAS XORNADAS EN ABEGONDO

O calendario completo de competición da sexta edición de LaLiga Genuine é o seguinte:

1ª fase:
Tarragona (Nou Estadi e C.E. Futbol Salou, 17, 18 e 19 de novembro de 2023)

2ª fase:
Cádiz (C.D. Bahía de Cádiz, 2, 3 e 4 de febreiro de 2024)
A Coruña (C.D. Abegondo, 15, 16 e 17 de marzo de 2024)

3ª fase:
Santa Cruz de Tenerife (C.D. Javier Pérez, 12, 13 e 14 de abril de 2024)
Burgos (C.D. Burgos Promesas 2000, 10, 11 e 12 de maio de 2024)

4ª fase:
Getafe (C.D. Fernando Santos de la Parra, 7, 8 e 9 de xuño 2024)