RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

ABANCA-RIAZOR, entre as localizacións do despregamento inicial da rede 5G en España

O Estadio ABANCA-RIAZOR converterase nun dos primeiros puntos de España no que haxa servizo da rede 5G. Telefónica despregará o seu proxecto piloto desta rede, ademais de no estadio deportivista, en Navantia Ferrol, o túnel do Cereixal, ou os Concellos de Abegondo, Vigo e Ourense. Xunto con outros puntos de Andalucía, serán os primeiros lugares do país en dispor desa nova tecnoloxía de última xeración ao estar incluídos no proxecto piloto aprobado polo Ministerio de Economía.

A instalación levaraa a cabo unha UTE integrada por Telefónica, Idronia, a coruñesa Cinfo, Telnet, CIOA, Ericsson e Nokia. Desde a súa aprobación, dispón de 24 meses para levar a cabo o despregamento 5G en Galicia. O orzamento é de máis de 11 millóns de euros dos que 4,6 finánciaos o Ministerio de Economía a través de Red.es e o Feder (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional).

Este proxecto piloto recolle oito casos de aplicación real en diversos ámbitos. No caso de ABANCA-RIAZOR, a súa aplicación á retransmisión de eventos.

A nova tecnoloxía celular 5G permitirá dispor de altos anchos de banda de subida que, no caso das cámaras profesionais de televisión, habilitan por primeira vez escenarios non cableados nos estadios e centros deportivos, así como utilizar software de realización na nube podendo por tanto despregar solucións de cobertura mediática de forma máis eficiente e inmediata.

As actividades coas que o Real Club Deportivo participará no proxecto adxudicado son:
- Facilitar a instalación do equipamento necesario de telecomunicacións 5G no Estadio ABANCA-RIAZOR: antenas 5G, equipamento radio, transmisión, etc.
- Dotar de espazo, forza e comunicacións ao equipamento antes indicado.
- Autorizar a realización de probas, sempre respectando os dereitos de televisión e imaxe asinados polo Real Club Deportivo, durante a duración do piloto para asegurar o correcto funcionamento do mesmo e poder obter conclusións válidas con respecto á utilidade deste tipo de solucións.