RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
RCDEPORTIVO

Álvaro García Diéguez, Álex Bergantiños García, Carlos Ballesta Edreira, Michelle Clemente Escotet e Vicente Fernández Rodríguez propostos para o Consello do RC Deportivo

Dous históricos do Club, un directivo financeiro con ampla experiencia de xestión vinculada a Galicia, unha ex futbolista do Dépor ABANCA e experta en desenvolvemento empresarial e un técnico deportivo intimamente ligado ao deporte coruñés son a proposta da propiedade do RC Deportivo para xestionar o equipo nun proxecto a longo prazo que persegue a volta á máxima categoría do fútbol español.

A proposta do Consello someterase a aprobación na Xunta de Accionistas que se celebrará o vindeiro luns 17 de xullo.

Álvaro García Diéguez é o candidato a Presidente e David Villasuso a Secretario do Consello. Álex Bergantiños, Carlos Ballesta, Michelle Clemente Escotet e Vicente Fernández Rodríguez son os candidatos a Conselleiros, que terán por diante a tarefa de xestionar un ilusionante proxecto a longo prazo con importantes retos entre os que destacan, no ámbito deportivo, premiar o talento novo, potenciar a canteira e devolver ao club á máxima categoría. Os obxectivos non deportivos centraranse na saída do concurso de acredores e na profesionalización da xestión, desligada da propiedade.

Perfís dos novos conselleiros:

 

Álvaro García Diéguez

Licenciado en Ciencias Económicas pola USC e Máster en Mercadotecnia Empresarial pola Politécnica de Madrid. Desenvolveu integramente a súa carreira profesional no sector financeiro, ocupando postos de responsabilidade nas áreas de Desenvolvemento de Negocio, Medios de Pago e Negocio Especializado, responsabilizándose da definición da estratexia comercial no ámbito de particulares e empresas. Nos últimos anos foi o director xeral de ABANCA Seguros, área que se converteu nun dos alicerces estratéxicos da entidade financeira. Foi e é conselleiro de diversas entidades do sector de Investimentos e Seguros e profesor da Facultade de Ciencias Económicas na Universidade da Coruña.

 

Álex Bergantiños García

Pertenceu como xogador á disciplina deportivista durante máis de dúas décadas. Desde a súa chegada en idade xuvenil procedente do Imperátor OAR xogou 21 temporadas como branquiazul. A pesar de debutar co Dépor con 26 anos, xogou 336 partidos oficiais que lle converten no 9º xogador que máis veces vestiu a camiseta branquiazul nos seus case 117 anos de existencia. Álex disputou 92 partidos en Primeira División, 152 en Segunda División, 74 en Segunda B ou Primera Federación, 11 en Copa do Rei, 3 en playoff de ascenso a Primeira División e 4 en playoff de ascenso a Segunda División, nos que o excapitán branquiazul asinou 11 goles.

 

Carlos Ballesta Edreira

Vinculado ao Deportivo como futbolista, adestrador e observador durante case 40 anos. Chegou ao equipo Xuvenil en 1970, subiu ao Fabril en 1973, saltou ao primeiro equipo en 1974 e nel xogou 278 encontros oficiais ata que se retirou en 1985. Entre 1986 e 1995 exerceu como segundo adestrador con Eusebio Ríos, Luis Rodríguez Vaz e con Arsenio Iglesias e desde 1995 até 1999 como técnico do Fabril. Desde 2014 forma parte da organigrama de #ANOSACANTEIRA no seu departamento de Captación.

 

Michelle Clemente Escotet

B.A. en Business Management pola Universidade de Carolina do Norte de Chapel Hill. Foi xogadora do Dépor ABANCA e da selección venezolana Sub-17 e Sub-20. Participou no Mundial Sub-17 en 2010, no Campionato Suramericano Sub-17 e Sub-20 e disputou a Copa Liberadores en 2011. Actualmente traballa na xestión do sector Hospitality (F&B) e no desenvolvemento de estratexias empresariais. É experta en análise financeira, optimización de procesos e cumprimento normativo. Anteriormente, desenvolveu a súa carreira nas áreas de Medios de Pago, Mercadotecnia e Responsabilidade Social Corporativa.

 

Vicente Fernández Rodríguez

Licenciado en Ciencias da Actividade Física e o Deporte, con especialización en deportes de equipo, principalmente fútbol, baloncesto e balonmán. Conta con formación complementaria en Ciencias da Actividade Física, Deporte e Saúde, en INEF Galicia. A súa traxectoria profesional desenvólvese integramente no mundo do deporte. Foi adestrador e preparador físico no Básquet Coruña, técnico nas escolas deportivas de baloncesto e fútbol da Coruña, e técnico deportivo das actividades físico-deportivas e de saúde en Abegondo.