Andone, Pantilimon e Tytoń, de regreso en Abegondo
Florin Andone, Costel Pantilimon e Przemysław Tytoń incorporáronse esta mañá aos adestramentos co Deportivo tras o seu paso polas seleccións nacionais de Romanía e Polonia, respectivamente.
O dianteiro, único con minutos de xogo nos dous partidos de Romanía, fixo tarefas de recuperación, con estiramentos, ximnasio e masaxe.
Os dous porteiros, que non chegaron a xogar, si se adestraron con normalidade ás ordes de Manu Sotelo.
Así pois, faltan unicamente tres internacionais por chegar: Fabian Schär, que xoga esta noite en Lisboa con Suíza; Celso Borges, con Costa Rica en Panamá a próxima madrugada; e Fede Valverde, con Uruguai en Montevideo tamén de madrugada.
Esta mañá, cos canteiráns Francis, Álex Cobo, Gaizka e Adrián, Pepe Mel dispuxo un adestramento fundamentalmente físico, con dous grupos: mentres o primeiro realizaba un traballo de forza, o outro grupo tiña fútbol en espazo reducido.
Traballan á marxe do grupo, ben co readaptador Fran Molano ou cos fisioterapeutas, os 'tocados': Pedro Mosquera, Lucas, Carles Gil, Rubén e Adrián López.
Mañá mércores 11 de outubro, o equipo está citado en Abegondo ás 10:30 horas.