RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
RCDEPORTIVO

As Nosas Cores: A DÉ Brasil, a 'canarinha' do Dépor 23-24

Kappa, patrocinador técnico do RC Deportivo, presenta hoxe, da man do Club, o segundo equipamento do Dépor 2023-2024: "A DÉ Brasil", un deseño exclusivo entre ambas entidades dedicada a Mauro Silva e Bebeto, os dous únicos futbolistas que lograron ser campións do mundo durante a súa etapa como xogadores branquiazuis.

A DÉ Brasil, a camiseta "canarinha" do Dépor para esta temporada, xa está a disposición do Deportivismo nas DéporTiendas de ABANCA-RIAZOR, Marineda City, rúa Real e en www.deportienda.es.

O segundo equipamento deportivista para esta temporada é completamente amarela con detalles verdes no pescozo, as mangas e unha franxa inferior, ademais de incluír o escudo do RC Deportivo e os logos de Kappa tamén en verde na parte dianteira e as mangas.

O seu deseño emula a mítica camiseta da selección brasileira que gañou o Mundial con Mauro Silva e Bebeto nas súas filas en 1994. Así, na súa parte superior dianteira incorpora un estampado de fondo en amarelo máis escuro, que na camiseta do Mundial de 1994 reproducía o escudo da Confederaçao Brasileira de Futebol, e no caso da versión deportivista é o debuxo da coroa do escudo do Real Club Deportivo.

A parte traseira é tamén totalmente amarela, cos logos de DIGI e ABANCA en verde. As aplicacións de marca nas partes superior e inferior, respectivamente, enmarcan a zona para o nome e o número cunha nova tipografía nunca utilizada ata agora, a RCD Marathon do deseñador galego Rubén Prol.

Na parte interna do pescozo, a camiseta leva un debuxo silueteado en azul e branco de Mauro Silva e Bebeto celebrando un gol sobre o mapa de América. Ademais, inclúe un selo co nome da camiseta, "A DÉ Brasil" e a data 17-07-1994, día no que gañaron a Taça do Mundo.

Fundada en 1967 en Turín por Maurizio Vitale, Kappa creou a súa primeira liña deportiva en 1978. Pouco despois foi a primeira marca en Italia en patrocinar un equipo de fútbol. Unha decisión estratéxica que a situou no mercado internacional. Nos Xogos Olímpicos de Los Ángeles 1984, Kappa foi o patrocinador oficial do equipo de atletismo de Estados Unidos, cando Carl Lewis gañou catro medallas de ouro. Historia, deporte, tecnoloxía, innovación, deseño, estilo, orixinalidade, singularidade e futuro son os valores que definen a natureza da marca italiana que representan unha traxectoria repleta de fitos, como a creación da camiseta Kombat no 2000, a primeira que rompeu as regras do fútbol.