RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Bruno Gama "en Valencia imos traballar como equipo, conscientes do que temos que facer"

Bruno Gama foi o protagonista esta tarde na sala de prensa de Abegondo, despois do primeiro adestramento do Deportivo esta semana. Mostrouse con "moitas ganas" de retomar a competición ligueira este domingo 2 de abril en Mestalla ante a Valencia (18:30, Bein Sports): "Gústanos competir todos os fins de semana. Agora tocou parón e con ganas de que chegue o domingo", apunta.

Persoalmente confesa que "a min non me gustan os paróns. Despois de perder un partido, sempre queremos que o próximo partido chegue canto antes para tentar gañalo e esquecer a derrota".

Cualifica de "importantes" os dous próximos encontros ligueiros, ante Valencia e fronte ao Granada en Riazor (mércores 5 de abril, 20:30 horas): "Quedan dez partidos aínda, quedan moitos puntos pero son dous partidos con equipos que están preto de nós. Queremos sacar os máximos puntos posibles. Pero non queremos facer contas, queremos pensar en Valencia primeiro, ir a por o partido, traballar moito e a ver que pasa".

Do rival, o conxunto valencianista, destaca Bruno Gama que é un equipo que ten "moi bos xogadores. A xente se cadra esperaba que estivese máis arriba do que está. Imos ter moitas dificultades. Pero imos traballar como equipo, conscientes do que temos que facer e ir a por os puntos".

Vaticina o atacante deportivista un mes de abril "bastante complicado, con moitos partidos no medio de semana. A min persoalmente gústame máis xogar o fin de semana para estar enchufado na competición".

Apunta que o vestiario quedou tocado só o día despois do derbi: "Sabemos que é un partido importante, o que significa. Non puidemos gañar. Saímos tristes. Pero vimos dunha dinámica boa e esa derrota non vai influenciar nos partidos que veñen".