Os catro internacionais do RC Deportivo que tiveron a finais de maio e comezos de xuño partidos internacionais coa súa selección terán uns días máis de descanso que o resto do cadro.
Así, a Dirección Deportiva, de acordo co corpo técnico, citou a Celso Borges, Fayçal Fajr, Florin Andone e Emre Çolak o mércores 12 de xullo ás 9:00 horas, co fin de realizar as probas médicas rutineiras, antes de porse xa a disposición de Pepe Mel, esa mesma mañá.
Borges e Fayçal xogaron os dous partidos completos con Costa Rica e Marrocos respectivamente. Andone disputou os noventa minutos do Polonia-Romanía e a primeira metade do amigable da selección romanesa ante Chile.
Finalmente, Emre Çolak foi titular con Turquía no amigable ante Macedonia. Estivo sobre o céspede 79 minutos. En Albania, fronte a Kósovo, o centrocampista branquiazul non chegou a saltar ao terreo de xogo.
Segunda fase das vacacións para o resto do persoal
Os futbolistas do primeiro cadro, salvo os internacionais, iniciaron o pasado 20 de maio, tras o partido ante a UD Las Palmas en Riazor, as súas vacacións de verán, que se prolongarán ata o 5 de xullo.
Cada un dos xogadores, excepto os tres porteiros e os lesionados (Joselu e Luisinho), marchouse cun plan de traballo individualizado, deseñado polos preparadores físicos branquiazuis.
O obxectivo é que o xogador chegue nun estado de forma adecuado para afrontar a próxima temporada e evitar os contratempos físicos á hora de soportar o duro traballo de pretemporada.
Así, a partir do pasado luns 12 de xuño, os futbolistas deben realizar un traballo diario, consistente en:
-Exercicios de forza tres días por semana: os luns (12, 19 e 26 de xuño); mércores (14, 21 e 28 de xuño); e venres (16, 23 e 30 de xuño): flexións, abdominais, traballo de glúteos, cuádriceps, isquiotibiais, adductores...
-Traballo de resistencia mediante carreira continua e intermitente (variando a intensidade), de luns a venres a partir do 12 de xuño ata o 30 de xuño; e con só o mércores 14 de xuño como descanso.
Ata o pasado domingo 11 de xuño houbo descanso total, para recuperarse de todo o traballo realizado durante a temporada. Os preparadores físicos, iso si, aconsellaron realizar deportes alternativos.
Ademais, o corpo técnico transmitiulles esta serie de recomendacións:
-Respectar as horas de descanso, entre 8 e 10 horas ao día.
-Coidar o peso, fundamental para evitar lesións e aguantar o ritmo de traballo durante o verán. A cada futbolista pídeselle que regrese co seu peso ideal.
-Evitar practicar deportes con risco de lesión.