"Chegamos moi ben ao comezo de liga", opina Adrián Ortolá
Adrián Ortolá atendeu aos medios de comunicación nada máis finalizar o partido ante o Real Oviedo no Martínez Otero de Foz.
O porteiro deportivista, hoxe titular, foi protagonista ao deter un penalti a Toché ao fío do descanso.
Ortolá cre que o Deportivo esta tarde "competiu a bo nivel a pesar da circunstancia do terreo de xogo, moi estreito. O equipo deu a talla e imos con moitas ganas ao comezo de temporada".
Recalca nesta pretemporada que se pecha sen derrotas que "levamos un mes, mes e pico traballando moi ben ofensiva e defensivamente. O equipo estivo traballando moi forte e sobre todo moi xuntos; e chegamos moi ben ao comezo de temporada".
Resta importancia ao penalti que detivo a un artilleiro experimentado como é o ex deportivista Toché: "Ao final tento axudar ao equipo o máximo posible para sumar os máximos puntos posibles e chegar así ao obxectivo". "Tentei aguantar até o final e tiven a sorte de paralo", engadiu.
Ademais, sobre a competencia con Dani Giménez pola titularidade, Ortolá insiste en que "trato de facer o meu traballo, axudar ao equipo, aos meus compañeiros e ao Club para seguir crecendo. O que decida o míster apoiarémolo e seguiremos traballando".