- Foto: @NGSuperEagles -
Fin de semana con partidos amigables de preparación para 4 deportivistas concentrados coas súas respectivas seleccións: Celso Borges, Fabian Schär, Michael Krohn-Dehli e Francis Uzoho.
Ademais, Ismael Díaz viaxa a Europa con Panamá; e Fede Valverde continúa cos adestramentos no complexo federativo de Uruguai.
Francis visita mañá Wembley no segundo test de preparación de Nixeria
A selección de Nixeria, incluído o meta fabrilista Francis, mídese mañá sábado 2 de xuño (17:30, hora local) a Inglaterra no Estadio de Wembley (Londres), nun novo amigable.
O pasado luns 28 de maio, Francis tivo a súa primeira cita pre-mundialista. Foi no Adokiye Amiesimaka Stadium de Port Harcourt (Nixeria) ante a República Democrática do Congo.
O meta fabrilista foi titular e xogou os 90 minutos nun amigable que acabou en igualada (1-1). Francis encaixou o único gol visitante de penalti no minuto 78, pena máxima cometida polo defensor nixeriano Ola Aina por empuxar a un rival na área.
Nixeria ten confirmado outro partido preparatorio: o mércores 6 de xuño (15:00) no NV Arena da cidade austriaca de St. Pölten fronte á República Checa.
Nixeria ten este calendario de partidos en Rusia:
Sábado 16 de xuño
21:00: CROACIA - NIXERIA, no Kaliningrad Stadium
Venres 22 de xuño
18:00: NIXERIA - ISLANDIA, no Volgograd Arena
Martes 26 de xuño
21:00: NIXERIA - ARXENTINA, no San Petersburgo Stadium
Krohn-Dehli afronta un derbi amigable ante Suecia
O deportivista Michael Krohn-Dehli superou o primeiro corte da primeira lista de 35 futbolistas realizada hai unhas semanas polo seleccionador danés, o noruegués Åge Hareide.
Desta primeira convocatoria de 35 xogadores, Dinamarca conta xa con 27 elixidos, entre os que está o centrocampista branquiazul. De aí sairán os 23 que representarán ao país escandinavo en Rusia.
Mañá sábado, o combinado danés visita a Suecia no derbi escandinavo. O choque de preparación xogarase no Friends Arena de Estocolmo (19:45).
O 9 de xuño (20:00 horas), Dinamarca mídese a México no Brøndby Stadion de Brøndby (Dinamarca).
Dinamarca ten este calendario de partidos no Mundial:
Sábado 16 de xuño
19:00: PERÚ - DINAMARCA, no Mordovia Arena (Saransk)
Xoves 21 de xuño
16:00. DINAMARCA - AUSTRALIA, no Samara Arena
Martes 26 de xuño
17:00: DINAMARCA - FRANCIA, no Luzhniky Stadium (Moscova)
Foto oficial e despedida de Costa Rica ante a súa afección
Coa recente incorporación de Keylor Navas, Costa Rica, co centrocampista branquiazul Celso Borges, adéstrase no complexo federativo cos 23 elixidos para o Mundial.
Esta circunstancia foi aproveitada polos responsables federativos para organizar a foto oficial do equipo.
Este domingo 3 de xuño, (11:00 hora local, 19:00 en España), os 'Ticos' despediranse da súa afección antes de emprender viaxe a Europa cun amigable fronte a Irlanda do Norte en San José.
Xa en Europa, Costa Rica mídese a Inglaterra en Leeds (7 de xuño); e a Bélxica en Bruxelas (11 de xuño).
Costa Rica ten este calendario de partidos no Mundial:
Domingo 17 de xuño
16:00: COSTA RICA - SERBIA, no Samara Arena
Venres 22 de xuño
15:00: BRASIL - COSTA RICA, no San Petersburgo Stadium
Mércores 27 de xuño
21:00: SUÍZA - COSTA RICA, no Nizhny Novgorod Stadium
Fabian Schär, ante España en Vilarreal
Suíza, na que milita o deportivista Fabián Schär, prepara en Lugano a súa participación no Mundial de Rusia 2018.
Este domingo 3 de xuño (21:00 horas), o combinado helvético ten o seu primeiro partido de preparación. Será ante España no Estadio de la Cerámica de Vilarreal.
De regreso a Lugano, Suíza ten pechado un segundo amigable, o venres 8 de xuño (19:00 horas) fronte a Xapón.
Suíza ten este calendario de partidos na cita mundialista:
Domingo 17 de xuño
21:00: BRASIL - SUÍZA no Rostov Arena
Venres 22 de xuño
20:00: SERBIA - SUÍZA no Kaliningrad Stadium
Mércores 27 de xuño
21:00: SUÍZA - COSTA RICA, no Nizhny Novgorod Stadium
Charla de integridade para o combinado panameño antes de viaxar a Europa
O fabrilista Ismael Díaz entrou na lista definitiva de 23 xogadores de Panamá para o Mundial de Rusia 2018, segundo fixo público o seleccionador nacional, Hernán Darío Gómez.
A madrugada do pasado mércores en España, a selección panameña despediuse da súa afección cun empate sen goles (0-0) ante Irlanda do Norte no Estadio Rommel Fernández, co dianteiro fabrilista sobre o campo na última media hora de xogo.
Panamá viaxa hoxe venres 1 de xuño a Europa, para medirse a Noruega en Oslo o mércores 6 nun último choque de preparación, ás 19:00 horas no Ullevaal Stadium de Oslo.
Antes de emprender o desprazamento, os futbolistas internacionais de Panamá recibiron unha charla sobre as medidas para a loita contra a discriminación, o racismo e o amaño de partidos de cara ao Mundial, a cargo de Yordis Solís, oficial de integridade da Federación Panameña.
Panamá ten este calendario de partidos en Rusia:
Luns 18 de xuño
17:00. BÉLXICA - PANAMÁ, no Fisht Stadium (Sochi)
Domingo 24 de xuño
15:00: INGLATERRA - PANAMÁ, en Nizhny Novgorod
Xoves 28 de xuño
21:00: PANAMÁ - TUNISIA, no Mordovia Area (Saransk)
Fede Valverde adéstrase diariamente no complexo federativo uruguaio
Fede Valverde xa se adestra diariamente con Uruguai no complexo da Asociación Uruguaya de Fútbol.
Uruguai ten este calendario de partidos no Mundial:
Venres 15 de xuño
17:00: EXIPTO - URUGUAI, no Ekaterinburg Arena
Mércores 20 de xuño
18:00: URUGUAI - ARABIA SAUDITA, no Rostov Arena
Luns 25 de xuño
18:00: URUGUAI - RUSIA, no Samara Arena
Ademais, ten confirmada a selección uruguaia un último amigable de preparación o xoves 7 de xuño ás 20:00 horas (hora local) no Estadio Centenario de Montevideo ante Usbequistán.