RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ASNOSAS

Cris Martínez, deportivista até xuño de 2026

Cristina Martínez Gutiérrez (Astorga, León, 26 de xuño de 1993) renovou o seu contrato polo Dépor ABANCA até xuño de 2026.

Esta temporada, no partido ante a CE Europa no Estadio ABANCA-RIAZOR, a capitá converteuse na primeira xogadora da historia do Dépor ABANCA en alcanzar os 200 partidos oficiais coa camiseta branquiazul.

Cris Martínez é a única sobrevivente da primeira temporada do Deportivo ABANCA, a 2016-17, na que o Club recuperou o seu equipo feminino case 30 anos despois da desaparición do Karbo Deportivo, que entre 1984 e 1988 defendeu a camiseta branquiazul como un equipo máis do RC Deportivo.

A lateral astorgana disputa a súa oitava temporada nas filas deportivistas, nas que xogou 201 partidos, divididos en 186 en Liga (50 na máxima categoría, 77 en Reto Iberdrola/ Primera Federación Iberdrola e 59 en Segunda Nacional), 6 en Copa de la Reina, 8 en playoff de ascenso a Liga F e 1 en playout de Primera RFEF. A conta goleadora de Cris Martínez elévase a 4 tantos: 1 en playoff de ascenso a Liga F, 2 en Segunda Nacional e 1 en Primera Federación Iberdrola.

Cris Martínez foi titular no primeiro partido oficial da historia do Dépor ABANCA, o 4 de setembro de 2016 ante o Oviedo Moderno CF en Ponte dos Brozos (Arteixo). Tamén foi titular no partido do ascenso á máxima categoría, o 19 de maio de 2019 en campo do CD Femarguín, e no debut na división de honra, o 8 de setembro de 2019 fronte ao RCD Espanyol en Abegondo.

O top-10 de xogadoras con máis partidos oficiais complétano Gaby (117), Iris (107), Peke (106), Lía (102), Eva Dios (100), Teresa Abelleira (92), Raquel García (94), Inés Altamira (92) e Ainhoa Marín (91).

Cris Martínez é a segunda renovación no primeiro equipo feminino do Club confirmada tras a de Paula Gutiérrez, que o pasado mes de marzo renovou o seu contrato tamén ata xuño de 2026.