Dépor ABANCA e Valencia CF Femenino pelexarán mañá sábado polo Trofeo Cidade de Salamanca
Deportivo ABANCA e Valencia CF Femenino pelexarán mañá sábado 24 de agosto ás 18:00 pola 3ª edición do Trofeo Ciudad de Salamanca.
O encontro, previsto en primeira instancia no Helmántico, xogarase finalmente no campo anexo das Pistas, que Os Nosos xa coñecen após un partido de Copa del Rey ante o Unionistas de Salamanca CF celebrado no ano 2020.
As Nosas chegan a este choque despois dun triunfo (1-0) o pasado mércores en Abegondo ante o Real Oviedo Femenino, con gol de Ainhoa Marín ao cuarto de hora de xogo.
A excepción do citado club ovetense de Segunda Federación, a esixente pretemporada branquiazul caracterízase por contar con rivais de Primera División tanto España como de Portugal, caso até agora do SC Braga, Sporting CP, Athletic Club, SD Eibar e mañá a Valencia CF Femenino.
O obxectivo non pode ser outro que chegar á 1ª xornada de Liga F do domingo 8 de setembro ás 18:00 (Dazn) en ABANCA-RIAZOR ante o campión de Europa nas mellores condicións.
Causan baixa por lesión Henar e Lucía Martínez; ademais de Marina Artero e Olaya, citadas por España para o Mundial sub-20 coa canteirá Michi Apóstol por Venezuela.
Carmen Carballada, Elena Vázquez, Lucía Rivas e Laura Ruiz son as representantes de #ANOSACANTEIRA.
Pola súa banda, a Valencia CF Femenino nesta pretemporada venceu no seu campo do Puchades ao Levante UD Femenino (2-0) e Vilarreal CF Femenino (2-0); e caeu co CD Alba Fundación Femenino (1-0) en Almansa (Albacete).
José Luis Bravo, técnico valencianista, explica que "estamos a traballar moito en cohesionar o grupo, en que as que veñan de fóra sentan partícipes e formar un equipo sobre todo".
Finalizado o encontro, As Nosas regresan por estrada e adestraranse o domingo 25 de agosto ás 12:00 en Abegondo.