O Dépor recibe mañá sábado 6 de decembro, día festivo, ás 12:00 (TVG-2) ao CD Tenerife de Segunda División na segunda eliminatoria da Copa del Rey. A rolda é a partido único e xógase en ABANCA-RIAZOR ao estar o cadro tinerfeño en superior categoría.
Imanol Idiakez subliñou en rolda de prensa a data do partido: "mañá, festivo, á mañá para que poidan vir as familias cos nenos. Oxalá unha vitoria do Dépor".
Os branquiazuis encaran a Copa, da que son bicampións, co impulso anímico do pasado domingo no Estadi Johan Cruyff ante o FC Barcelona Atlétic, tal e como afirmou o técnico en rolda de prensa este mesmo mediodía: "A vitoria ao equipo deulle alegría, deulle un empuxón e queremos que iso nos sirva para desde logo o domingo ante o Sestao. Mañá é outra competición, é un cambio de chip porque non ten nada que ver mañá. É un partido no que ao final un dos dous queda fóra, o outro continúa na competición, pero é un partido en ABANCA-RIAZOR que para nós sempre é especial. Cada vez que xogamos en casa queremos dar unha alegría a #ANOSAFORZA e oxalá mañá contra un rival de superior categoría a xente póidase ir a casa contenta".
Confirmado Ian Mackay (na foto da noticia) na portería de inicio, son baixa por lesión Ximo Navarro, Pablo Muñoz, Barbero e Retuerta.
Pola súa banda, Martín Ochoa, Mella, Jairo, Rubén, Marc, Kevin e Marotías representarán a ANOSACANTEIRA na convocatoria de 25 futbolistas, aínda que na acta de mañá só poderá haber 22. Ademais, o preparador deportivista lembra que a regulamentación "nos limita en canto ao tema dos xogadores con ficha do Fabril", posto que ten que haber durante o partido, en todo momento, 7 futbolistas do primeiro equipo no terreo de xogo.
Os Nosos realizaron esta mañá unha última sesión de traballo no campo 3 de Abegondo, cunha activación, rondos e un exercicio táctico orientado ao encontro. Imanol Idiakez explicou que o traballo consistiu fundamentalmente en "ver un pouco a nivel físico como estaba a xente".
En primeira eliminatoria, o Dépor apeou ao CD Covadonga (1-3) nun partido disputado no Estadio Ganzábal de Langreo o 1 de novembro e resolto na prórroga con goles de Pablo Vázquez, Lucas Pérez e Mella.
O de mañá será o quinto emparellamento do Dépor e do CD Tenerife na historia da Copa del Rey.
O primeiro foi en terceira rolda da edición de 1981-82, saldada con 2-1 en ABANCA-RIAZOR con dous goles de Traba e 1-0 no Heliodoro Rodríguez López. O Dépor pasou na quenda de penaltis: 3-4.
No mes de setembro de 1989 ambos os conxuntos víronse en 1ª rolda, con 3-3 en ABANCA-RIAZOR (goles de Gil, Raudnei e Sabín Bilbao) e 3-0 para os tinerfeños na volta.
Volveu quedar apeado o Dépor en 1996, nesta ocasión en oitavos de final, con estes resultados: 1-1 na Coruña con gol branquiazul de Donato e 2-1 nas Illas Canarias, de novo con tanto deportivista do internacional hispano-brasileiro.
Finalmente, o 3 de xaneiro de 2001, a partido único de dezaseisavos, o equipo tinerfeño venceu no Heliodoro Rodríguez López ao conxunto branquiazul por 3-2. Leo Scaloni e Pandiani anotaron polo equipo entón dirixido por Javier Irureta.
Pola súa banda, o CD Tenerife chega ao encontro após vencer a pasada fin de semana en liga ao Eldense (0-3). O equipo que dirixe Asier Garitano é 9º na táboa de Segunda División con 27 puntos.
Na primeira rolda de Copa eliminou á SD Compostela no Estadio Vero Boquete (0-1) de Santiago de Compostela.
En rolda de prensa, Asier Garitano, técnico tinerfeño, desvelou que conta co mesmo grupo de xogadores que xogaron en Elda fóra de Luismi.
Ante a Copa lembra que "non regalamos ningún partido. A mentalidade é esa, xa sexa de liga ou de Copa. Imos xogar co Dépor, un club histórico, con grandes xogadores, cunha gran afección, cun gran estadio. Nós a tentar dar outra vez a mellor versión para tentar pasar a eliminatoria. Sabemos que é difícil pero o obxectivo será ese".
Recalca que "a un partido alí non vai ser sinxelo pero poremos todo da nosa parte para poder ter as nosas opcións".
Finalizado o partido, Os Nosos descansan o xoves e adestraranse de novo o venres ás 11:00 na Cidade Deportiva.