O Fabril, que está a piques de arrincar a súa segunda temporada en Segunda Federación, pechou a incorporación do atacante Jhoansel Luisao Macías Chiliguano (Esplugas de Llobregat, 28 de decembro de 2004) coñecido futbolísticamente como Luisao até xuño de 2026.
De orixe ecuatoriana e formado na canteira da UE Cornellà, na temporada pasada (2023-24) disputou un total de 24 partidos, 5 deles como titular, co primeiro equipo catalán no grupo 1º de Primera Federación.
O pasado 30 de marzo ante o Dépor na Cidade Deportiva Dani Jarque, Luisao saltou ao céspede no minuto 64 dun choque resolto a favor dos deportivistas cun gol de Hugo Rama.
O seu debut no primeiro equipo da UE Cornellà data da temporada anterior, 2022-23, na que xogou 1 partido tamén en Primera Federación.
Luisao realizou a pretemporada ás ordes de Óscar Gilsanz con permiso do conxunto catalán.
Desta forma, o Fabril ultima o cadro de cara a esta nova campaña en Segunda Federación coas fichaxes xa confirmadas de Aarón Sánchez, Jaime Garrido, Dylan Iglesias, Íker Vidal, Bil, Fadil, Darío Germil, Damián Canedo e Luisao.