A canteirá deportivista de 16 anos, Elena Vázquez, relata o seu recente debut na liga F ante ao FC Barcelona e remóntase aos seus inicios como futbolista entre recordos coa súa familia e compañeiras
-Como empezou a túa paixón polo fútbol?
-"Empecei a xogar desde o tres anos, cando o meu irmán ía adestrar. Un día collín un balón e empecei a xogar con el e desde aí xa me entrou afección, apunteime a un equipo do meu pobo e até agora".
-Canto levas no Dépor e como viviches a túa estancia no club?
-"Este é o meu terceiro ano, primeiro empecei no Orzán SD. En 2019 chamoume o Dépor para disputar a primeira edición de LaLiga Promises, aquí en Abegondo e foi unha experiencia moi bonita porque competimos moi ben aos mellores equipos de España".
-Como viviu a familia todo o proceso?
-"Desde o primeiro momento apoiáronme moito. Viñan verme todos os partidos, levábanme a todos os adestramentos e aos traxectos longos. Despois xa dei o paso de vivir coas miñas compañeiras na residencia, que me axudou como método de aprendizaxe e madurez".
-Un recordo que gardes con agarimo?
-"Un dos recordos máis bonitos que teño é axudar ao equipo durante a temporada pasada e aprender o máximo do corpo técnico e as xogadoras, axudáronme moitísimo".
-"Un recordo máis concreto e moi bonito é o ascenso a Primera División co Dépor ABANCA en ABANCA-RIAZOR contra o Cacereño. Contaron comigo para disputar o últimos dez minutos e gárdoo como unha experiencia moi positiva, especialmente a celebración final".
-Como é estar en dinámica de primeiro equipo sendo tan novo?
-"É un orgullo poder aprender de todas as xogadoras cada día, para poder seguir crecendo como futbolista e como persoa".
-Como viviches o debut na liga F?
-"O día do debut fronte ao FC Barcelona foi un día moi especial para min. Tiña eses nervios, pero creo que foron bos e axudáronme. O Corpo Técnico e as xogadoras axudáronme en todo momento e dixéronme que estivese tranquila. Grazas ao apoio interno e externo saíu un bo partido".
-"Un momento moi bonito do meu debut foi cando a árbitra pitou o descanso (o partido atopábase empate a cero ante o FC Barcelona) e xuntámonos todas no medio do campo formando un coro. Aí apoiámonos ao máximo e démonos moitísima forza e unión como equipo para encarar a segunda parte".
-Que significa o Dépor para ti?
-"O Deportivo é o equipo dos meus soños, poder defender este escudo e levar esta camiseta cada día é un soño feito realidade e un sentimento moi especial".