Francis Uzoho, gardameta que recentemente debutou en partido oficial coa camiseta do RC Deportivo, foi chamado por primeira vez pola selección de Nixeria, para o último encontro de clasificación para o Mundial de Rusia 2018 e un amigable.
Francis, que debutou en LaLiga Santander hai dúas semanas en Eibar e repetiu titularidade en casa ante o Girona, foi convocado pola Federación de Nixeria para os partidos ante Alxeria e Arxentina, os días 10 e 14 de novembro, respectivamente.
Nixeria, xa clasificada para a fase final da Copa do Mundo do próximo verán, pechará a liguiña eliminatoria fronte a Alxeria no estadio Chahid Hamlaoui de Constantina (Alxeria) o venres 10 de novembro. O martes 14 de novembro disputará un amigable ante Arxentina no Krasnodar Stadium, en Krasnodar (Rusia).
O porteiro branquiazul deberá presentarse na concentración nixeriana, en Marrocos, o luns 6 de novembro, após a fin de semana na que o Dépor recibirá ao Atlético de Madrid e o Fabril fará o propio coa Gimnástica Segoviana.
O fabrilista Ismael Díaz, convocado coa selección Panameña
Hernán Darío Gómez, seleccionador de Panamá, convocou ao xogador do Fabril Ismael Díaz para os dous partidos que disputará o conxunto centroamericano ante Irán e Gales, os días 9 e 14 de novembro.
Ambos os encontros son preparatorios para o Mundial de Rusia 2018 e o xogador deberá incorporarse á concentración en Austria após completar os seus compromisos da fin de semana do 5 de novembro co Dépor.
Dous partidos amigables para Fede Valverde e Uruguai, ambos en Europa
Do mesmo xeito que Celso Borges, Fede Valverde aforrarase un longo desprazamento a Sudamérica neste próximo parón ligueiro, debido a que a súa selección, Uruguai, xa clasificada para o Mundial de Rusia, disputará dous partidos amigables en Europa.
O primeiro deles será ante Polonia, en Gdansk, o venres 10 de novembro (20:45 horas), e o segundo fronte a Austria, no estadio Ernst Happel de Viena, o martes 14 de novembro (20:45 horas).
O centrocampista branquiazul terá que incorporarse á concentración uruguaia en Varsovia o luns 6 de novembro, dous días despois de que o Dépor reciba no Estadio ABANCA-RIAZOR ao Atlético de Madrid.
España será un dos rivais de Celso Borges
Celso Borges e a súa selección, Costa Rica, tamén clasificada para o Mundial, disputará dous amigables en Europa.
O primeiro deles será o sábado 11 de novembro no Estadio de La Rosaleda de Málaga ante España.
E o martes 14 de novembro, os 'ticos' visitarán a Hungría, en Budapest.
O mediocentro branquiazul, un dos fixos para o seu seleccionador nacional, terá que incorporarse á concentración de Costa Rica o luns 6 de novembro.
Andone e Pantilimon, preconvocados por Romanía para dous amigables
Os futbolistas branquiazuis Florin Andone e Costel Pantilimon foron preconvocados para dous partidos amigables da súa selección, Romanía, en novembro.
Os encontros serán ante Turquía na cidade romanesa de Cluj o 9 de novembro, e o martes 14 de novembro en Bucarest fronte a Holanda.
Nos próximos días, o seleccionador romanés, Cosmin Contra, fará pública a lista definitiva.
Romanía quedou fóra da próxima edición do Mundial, en 2018 en Rusia, ao quedar clasificada en cuarta posición no seu grupo, por detrás de Polonia, Dinamarca e Montenegro.