RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Germán resalta que sumamos minutos, probamos cousas, xogamos case todos

Germán Parreño pasouse pola zona mixta de ABANCA-RIAZOR.

O meta deportivista cre que a final ante o CD Leganés foi un partido "moi rifado ante un bo rival dunha categoría superior. Vímonos ben, plantamos cara e estamos contentos co traballo, non co resultado porque nos gustaría gañar".

Queda con que "sumamos minutos, probamos cousas, xogamos case todos... Estamos contentos co traballo e xa pensando na liga".

Destaca do CD Leganés que está "moi ben traballado. O ano pasado sobe facendo un traballo de presión moi bo. Vénnos ben para darnos conta do nivel que hai que dar. Estamos contentos porque se sacan boas conclusións. O importante é o que vén a semana que vén e estamos contentos porque o traballo foi bo".

Preguntado por Mella, autor do único tanto branquiazul, Germán subliña que "ben. Está con ritmo, véselle. Cada un achega o seu granito de area e estamos contentos de que Mella estea así de ben".

Finalmente, o porteiro branquiazul asegura que sobre a liga que arrinca a próxima semana "só se fala do Oviedo", rival o sábado 17 de agosto ás 19:00 en ABANCA-RIAZOR: "Nós imos seguir coas nosas finais, cos nosos partidos e sen pensar en máis aló. Deunos un bo froito hai pouquiño tempo e estamos a facer iso, pensar no próximo rival".