Guilherme pide "estar todos xuntos e darse forza uns a outros"
Guilherme foi o protagonista esta tarde na sala de prensa de Abegondo.
O centrocampista brasileiro, un dos xogadores con máis protagonismo ao longo da temporada, admite que a situación é "difícil. Pero temos que facer o noso papel de homes, con familias".
Insiste Guilherme en que hai que ser realista e que as posibilidades de permanencia do Deportivo "son complicadas. Pero como di o míster, as matemáticas dannos posibilidades".
Cre que o partido deste domingo 29 de abril ante o FC Barcelona (20:45, Movistar Partidazo) no Estadio ABANCA-RIAZOR, "é moi difícil. Non importa que gañase a Copa. Tamén somos conscientes que se perdemos podemos caer. Temos que facer o noso partido, coa cabeza alta, facendo o noso mellor xogo. É o máis importante".
Opina que "cada un ten a súa parcela de culpa, se non non estariamos nesta situación. Agora non é momento de sinalar a ninguén. Cada un ten que pensar no que fixo. Faltan 4 partidos e temos que saír coa cabeza alta".
Lembra que desde a chegada de Clarence Seedorf ao banco deportivista "comezamos a xogar bos partidos. Merecemos ter triunfos antes dos que tivemos. Infelizmente comezamos a gañar demasiado tarde. Agora paciencia, traballar, pensar e tentar dar cada un o mellor. Moita xente é pai de familia, ten que saír coa cabeza alta".
Guilherme asegura que no día a día, "todos somos humanos, sabemos que é difícil e estamos coa cabeza baixa. Pero o míster fai un gran traballo, téntanos levantar, tentamos traballar da mesma forma. É o que estamos a tentar, traballar da mesma maneira, alegre. Tentando facer o mellor, estar todos xuntos e darse forza".
En canto ao seu futuro, o mediocentro brasileiro lembra que ten contrato até 2021. "Teño contrato aquí. Hai vacacións pero téñome que presentar aquí de novo. Ten que velo o Club o que pode suceder, pero teño contrato e vou volver aquí". explica.
É máis, sobre a posibilidade de xogar en Segunda División, foi rotundo: "Teño contrato aquí e non teño problema".