Juanfran Moreno foi o protagonista esta tarde na sala de prensa de Abegondo.
O defensor madrileño asegura que, a pesar do triunfo do pasado venres ante o Málaga, o Deportivo afronta o partido deste sábado 14 de abril en San Mamés ante o Athletic Club (20:45, Bein LaLiga), "coa mesma preocupación. Temos que facer moitos puntos nestes poucos partidos que nos quedan para a xeira que traiamos. Afrontámolo coa mesma conciencia, temos que gañar si ou si".
Por este motivo, cre que o encontro ante os vascos é "importante non, importantísimo. Hai que gañar si ou si, máis coa liña que colleu o Levante. Está a levarnos contra as cordas. Temos que saír a gañar. Esta semana son 3 partidos e co pensamento que nestes 3 partidos podes dar a volta á tortilla. Eles teñen partidos tamén complicados".
Recoñece iso si que "a dificultade é máxima. Mentres haxa puntos hai esperanza. Hai que ir a Bilbao a gañar para seguir tendo oportunidades de salvarnos".
Os cálculos que fai o lateral deportivista son simples: "Gañar ao Athletic. Se non se gaña ao Athletic non merece a pena facer cálculos. Hai que gañar para seguir con esperanzas e recortar puntos porque eles (o Levante) teñen unha saída bastante complicada".
En caso de perder, non sería un descenso, "porque imos seguir matematicamente con posibilidades. Pero hai que ser realistas, logo quédannos partidos moi complicados que van ser difícil gañalos todos. Hai que gañar ao Athletic porque creo que estamos capacitados para iso".
Reflexiona Juanfran que "aínda que custou que chegase esta primeira vitoria, o traballo que estamos a facer con Clarence é moi bo. Ao final recollemos eses froitos. A seguir, a seguir traballando e defendendo xuntos todos. Logo en ataque soltando aos xogadores de arriba que son bos e teñen calidade".
Preguntado pola presenza no descanso do encontro do pasado venres ante o Málaga do Presidente Tino Fernández, Juanfran aclara que "cando el o sente así, é unha persoa de moitas emocións, adoita baixar a darnos un empuxón e alento. Non todos os partidos. Pero de cando en vez baixou. Ao final hai xente que lle guste máis ou menos. Eu todo o que sexa axudar, apoiar, ou que alguén crea que nos pode axudar desa maneira, benvido sexa. Non estamos para rexeitar ningunha axuda".