RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Idiakez valora como moi importante atopar a regularidade en canto a rendemento, comportamento, resultados

Imanol Idiakez asegurou na sala de prensa de Abegondo que o que está a buscar o Dépor é "regularidade. Foi un inicio de liga moi irregular, pasounos un pouco de todo. En Irún parouse a progresión, por como foi produciu certo dano e a semana pasada (contra a SD Logroñés) foi importante".

Admitiu nesta liña que sería "moi importante atopar a regularidade que buscamos en canto a rendemento, comportamento, resultados. O sábado (16:00 no Municipal de Tarazona, FEF TV) temos unha boa oportunidade. Nun contexto como o do sábado, de máxima dificultade para nós por ser un escenario diferente ao que estamos afeitos e por ser un rival que nos vai a expor un partido moi ao límite, se somos capaces de sacar un resultado positivo sería unha boa base para a regularidade que buscamos".

Advirte sobre as "connotacións" do partido: "Estou convencido que o seu adestrador nos vai a preparar un partido moi complicado nun campo un pouco máis pequeno que ABANCA-RIAZOR; xogaron fóra (como locais) e volveron xa á súa casa, e a súa xente vai vivir o partido con moita ilusión, con moita intensidade. A ver se somos capaces de presentar a mellor aliñación senón a mellor formulación para enfrontarnos ao que nos imos a ter que enfrontar".

Da SD Tarazona subliña que "manexa moi ben o balón parado, o xogo directo, vainos a expor duelos por todo o campo. Un saque de banda preto da túa área é un balón á área con Cubillas... xente con moito poder físico que gañan moitos duelos aéreos e deixan moito balón aí solto. Ten unhas connotacións a nivel futbolístico o partido que temos que ter presentes".

Así pois, pide "levar o partido ao noso terreo o máis que poidamos, e cando o partido se poña no terreo deles, pornos á súa altura".

Imanol Idiakez é consciente que "no fútbol profesional e máis no Dépor cada semana é un exame. Até hai unhas semanas non gañaramos en ABANCA-RIAZOR, por suposto con estas dúas últimas vitorias quitámonos ese peso; fóra estabamos a ser bastante solventes. Tiñamos o descoido do desconto en Fuenlabrada pero até Irún foramos solventes. E de súpeto chegou o accidente de Irún. A reacción do equipo foi boa e o sábado temos unha boa oportunidade de facer un bo partido a nivel de competir e de demostrar que somos capaces de atopar regularidade no comportamento".

Finalmente, sobre o emparellamento de Copa del Rey ante o CD Tenerife en segunda rolda, opina que "todo o que sexa xogar en ABANCA-RIAZOR e que #ANOSAFORZA poida vivir partidos bonitos, que lle lembren a outros tempos, e cun rival de Primera División, os Dépor-Tenerife xogámolos moito nas quinielas desde pequenos, é unha boa noticia. Nós a preparalo para tentar pasar".