RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Imanol: "Ao máximo nivel ímoslle a poder plantar cara a calquera; pero se baixamos un pouquiño,  calquera che pode facer dano"

Imanol Idiakez subliñou este mediodía na sala de prensa de Abegondo que en LaLiga Hypermotion "necesitamos a máxima esixencia para competir cada partido porque sabemos que ao máximo nivel ímoslle a poder plantar cara a calquera; pero que se baixamos un pouquiño, evidentemente calquera che pode facer dano".

Pon como exemplo ao Albacete Balompié, que "viña de gañar por 1-4 e o outro día metémoslle nós 5. Isto é a Segunda División e esta é a igualdade. Por iso é tan bonita para o espectador, por iso é unha categoría tan preciosa para ver e para seguir. Dentro é máis complicada porque a igualdade é moi grande e porque todo se decide por detalles. Sei que esta semana estamos todos de alegría pola vitoria, pero se nos chega a meter o Albacete o empate a dous na última xogada da primeira parte, igual fóra outra película. Isto isto vai así, decídese por momentos, por detalles. Os goles cambian os partidos absolutamente e cambian as dinámicas, as enerxías".

Lembrou sobre os goles encaixados a balón parado que "o ano pasado defendiamos igual e encaixamos poquísimo. Seguramente o nivel dos rivais aumentou, a calidade nos golpeos, nos rematadores, pero nós tamén podemos mellorar a atención, a agresividade máis aló das posicións que evidentemente sempre lle damos voltas: se traballamos con 2 libres, se traballamos con 3, se tomamos unha sexta marca ou non a tomamos, quen sae ao curto, quen non sae... Máis aló de todos eses detalles que evidentemente están na miña responsabilidade, os xogadores temos que mentalizarnos de que temos que ser máis agresivos, máis difíciles, máis duros e que temos que defender a área doutra maneira".

Non quere que ninguén se obsesione "porque isto é moi caprichoso e ás veces fas o mesmo e sae ben; e ás veces fas o mesmo e sae mal".

Cre que a solución pasa por seguir "insistindo e en ir ao detalle. Estamos a facer cousas mellorables, que se poden mellorar. E niso estamos: analizándoas, véndoas, adestrándoas... Imos ver se somos capaces tamén de mellorar aí porque é unha faceta importantísima".

O técnico deportivista advirte que este domingo 6 de outubro ás 14:00 en ABANCA-RIAZOR (LaLiga TV Hypermotion) "recibimos a un equipo (o Málaga CF) que non perdera até a semana pasada. O outro día, nun partido no que o rival (o Elche CF) estivo moi acertado e meteulle uns golazos, perdeu claramente, pero está en todos os partidos e é unha dificultade importante como todos os rivais".

Do conxunto malagueño engade que "é un equipo moi ben feito. A min gústame moito o adestrador, o cadro que fixeron, como traballan. É un equipo histórico, cunha grandísima afección, que tocou o barro da Primera RFEF e que, como nós, o ano pasado conseguiu o ascenso. Tamén ten algunhas cousas en común connosco: xente moi nova da canteira, cunha calidade impresionante".

Vaticina o domingo en ABANCA-RIAZOR "un bo partido porque somos dous equipos que queremos atacar, que temos talento, creatividade. Eles teñen xente arriba moi importante, que como os nosos van ser un bo futuro".

Conclúe que "temos que estar moi concentrados e moi no noso cento por cento porque é un rival que até o outro día non perdera".