RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Imanol Idiakez cre que non sería nada inxusto que o Dépor pasase hoxe

Imanol Idiakez comentou na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR que "non fóra raro que gañásemos. Tivemos o 2-0 de Mella, aquela outra ocasión cando iamos empate e o seu gol chegou nunha xogada moi embarullada. Non sería nada inxusto que o Dépor pasase hoxe, a pesar de xogar o último intre con 10".

Destacou o "traballo do equipo. Paréceme que fixeron un partidazo todos. Fixemos cambios, xente que viña sen xogar, rapaces que metemos. É un día para estar contentos. #ANOSAFORZA acabou empuxando ao equipo, o equipo a #ANOSAFORZA, que é o que queremos. A pena de non pasar porque o equipo fixo méritos e os rapaces merecíano pero estou moi orgulloso do traballo do equipo".

O preparador deportivista lembra que "tivemos un día menos de descanso que o CD Tenerife ademais, co cal estabamos un pouquiño máis pesados de pernas; e a pesar diso non se notou no campo. A única pena do día son as posibles lesións e non pasar, porque o resto foron boas noticias".

Dos moitos canteiráns hoxe protagonistas subliñou que "traballamos con eles, confiamos neles, estamos día a día véndoos. A min non me causou sorpresa ningunha. Mella xa é unha realidade pero a Rubén véxoo todos os días. A primeira vez que o vin pensei que aí había un futuro futbolista e hoxe confirmouno. Fixo un traballo espectacular. E Kevin é o que vistes. Cos anos puirase pero ten esa fame, esa desenvoltura, esa agresividade de cara ao gol. Meteu un golazo. Para min non son sorpresas porque os vexo cada día; e diso trátase o traballo coa canteira, adestralos, velos para cando estean preparados, darlles a oportunidade".

Sobre a expulsión de Jose Ángel, o técnico branquiazul asegurou que "non a vin. Pareceume un balón dividido e non sei de quen foi falta, se do noso ou o deles. Pareceume moi fácil o cartón. Un partido ademais que foi limpo, ben xogado, que non houbo violencia de ningún tipo, podíaa aforrar na prórroga porque ademais co cansazo... Pareceume un pouco excesiva, pero igual equivócome".

Finalmente aclarou que Hugo Rama "tivo a semana pasada a lesión, tiñamos dúbidas de se estaba para entrar. Metémolo e estivemos con moito coidado todo o partido. É verdade que logo estaba un pouco cargado e creo que só é unha sobrecarga. Xa falaramos que o seu partido era de cincuenta e pico, sesenta minutos. Se se quedou niso estarei contento de que polo menos puidese ter eses minutos e non recaese"; e sobre Jaime apuntou que "tivo unha sensación no isquiotibial. Imos ver que é. Non o ten claro el tampouco".

Pola súa banda, Asier Garitano, técnico do CD Tenerife, indicou que o partido "é a Copa en estado puro. É o que ten, ademais contra un moi bo rival, que se puxo por diante, que nos custou moito, puxémonos por diante, empátannos, prórroga, último minuto e gol. Para o que leva a eliminatoria, neste caso nós, unha alegría moi grande; e para eles pena. Despois de todo ese traballo dos dous equipos algún tiña que quedar eliminado, tocoulles a eles. Felicitarlles polo traballo e nós moi contentos de seguir nesta dinámica de bos resultados; e xa pensando en recuperar á xente e no seguinte partido".