RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Imanol Idiakez cre que o triunfo ten moito mérito e queda cun traballo colectivo espectacular

Imanol Idiakez manifestou na sala de prensa da Cidade Deportiva Dani Jarque que o triunfo do Dépor ante a UE Cornellà "tivo moito mérito. Este é un rival dificilísimo. É un equipo dificilísimo que esixe a todos os rivais unha chea, os seus resultados están aí. Facerlles goles é moi complicado, teñen poderío, balón parado... É un equipo moi difícil e fixemos un traballo colectivo espectacular. Tivemos para facer o 0-2 para terminar o partido, a de Barbero, a de Hugo Rama. Non entrou e coa calidade que teñen eles arriba tes que sufrir".

Cre que o equipo "demostrou compromiso, unha capacidade de traballo, unha capacidade colectiva importante. Estou moi contento co resultado".

Nesta liña, insiste en que "fixemos un moi bo traballo. Valoraremos máis co paso dos días este partido porque é un campo moi complicado, había vento, eles con Clau, con Tenas... esíxenche moitísimo en todo o que son balóns á área. Fixemos un traballo colectivo moi bo. Se entra a de Barbero ou a de Hugo Rama, que foron moi claras, ou se lles colles nunha contra acábase o partido. Non o conseguimos pero quedo con estas vitorias de 0-1 que para min son de equipo importante".

O técnico deportivista opina que neste tipo de partidos "demóstrase a solvencia do Dépor. Son partidos moi difíciles. Cando vai quedando tan pouco todo o mundo xógase cousas por arriba ou por abaixo. Estou moi contento polo traballo, con como viviron os xogadores os últimos minutos, mesmo no tempo extra non descompornos en ningún momento. É unha vitoria moi traballada, como esperabamos porque sabiamos que este partido ía ir polas liñas por onde foi. Fóra de ABANCA-RIAZOR sumamos outra vitoria, que é moi complicado gañar dous partidos seguidos fóra de casa. Hoxe ímonos con 3 puntos que nos seguen impulsando cara arriba".

Finalmente explicou Imanol Idiakez que David Mella, que arrincou no banco, "tivo unha pequena molestia no isquio ao acabar o adestramento de onte e non me podo permitir correr o risco de que se lesionase. Xogou 3 partidos enteiros nunha semana, en 7 días. Normalmente a partir do minuto 60, 70 o ácido láctico entra nos músculos e empezamos a correr riscos de lesión. Corremos risco de lesión 3 veces en 7 días e non quería correr por 4ª vez risco de que se puidese lesionar. Deu un paso adiante no día a día e o premio está aí para el; e para todos".

Preferiu no entanto non centrarse en futbolistas concretos e resaltar "o traballo de todos, o traballo de equipo. Fomos un equipo e un equipo con todas as letras".