RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Imanol Idiakez: "É unha oportunidade magnífica para que podamos dar un golpe encima da mesa"

Imanol Idiakez admitiu esta tarde na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR que o pasado xoves o Dépor "fixo unha mala primeira parte, pero antes do partido de Levante falabamos dun bo funcionamento. Por media parte ou por unha parte mala non imos matar a ninguén. Mañá temos unha oportunidade buenísima. Sei que ás veces somos un pouco extremistas para o bo e para o malo, pero non deberiamos irnos ao extremo. Mañá vén o líder, un equipo que está a facer un inicio de temporada espectacular, que está moi ben traballado, que ten moi bos futbolistas, que fai moi ben as cousas, pero imos estar nós enfronte, o Dépor, xogando en #ANOSACASA, con #ANOSAFORZA, en ABANCA-RIAZOR; e é unha oportunidade magnífica para que podamos dar un golpe encima da mesa".

Iso si, indica que "non estivemos ben na primeira parte e xa está. Isto pasa, isto é fútbol; e por iso é tan bonito porque hai días bos e días menos bos. Temos argumentos. É verdade que perdemos na mesma posición xogadores que nos dan certa estabilidade, pero tamén temos outros que teñen a oportunidade de dar un paso á fronte e demostrar o nivel que teñen. Estamos convencidos que mañá temos unha oportunidade para iso".

Por conseguinte, o técnico deportivista asegura ademais que non haberá revolución no once: "A última, a francesa. Non é un concepto que manexe eu. Imos ver un pouquiño como está a xente e a partir de aí presentar un equipo a poder ser o máis efectivo posible, o máis competitivo posible. Vou tentar facer un plan de partido para tentar gañar o partido como cada semana, pero nada semellante a iso".

Repetiu unha e outra vez a palabra reto na súa comparecencia ante os xornalistas: "É un reto sobre todo e unha ilusión poder facer un bo partido de fútbol e oxalá brindar unha vitoria á nosa xente diante do líder, que a todos nos faría moita ilusión e daríanos un empuxón que viría fenomenal".

Imanol Idiakez cualifica o choque de "difícil, pero difícil son todos. É verdade que o Racing está nun moi bo momento, que fai moi ben as cousas, que ten un nivel moi alto a todos os niveis, tanto colectiva como individualmente, pero nós tamén temos o noso nivel, confiamos no que facemos e mañá xogamos en ABANCA-RIAZOR. Creo que é importante recalcalo, que xogamos en casa, que xogamos con #ANOSAFORZA, que mañá imos ser 12 outra vez, e que é unha oportunidade, a seguinte que temos, magnífica de por que non? gañar ao líder, facer que teñan a súa primeira derrota fóra de casa e empuxarnos cara arriba. Isto non fixo máis que empezar e o de mañá é unha oportunidade".

Finalmente o preparador branquiazul, preguntado polo estado anímico do vestiario, recalca que "a nosa vida é unha vez á semana e de cando en vez como esta 3, unha emoción positiva ou unha negativa, unha alegría ou unha pena. Nós temos a obrigación de levantarnos; de lamentar un día a derrota e levantarse ao día seguinte; e celebrar un día a vitoria e seguir ao día seguinte. É a película do fútbol. Temos un vestiario experto que sabe de que vai isto e que ademais o fútbol ten a marabillosa sorte de que, cando fas un partido malo como o do xoves, enseguida tes unha oportunidade de facer un bo e de levarche unha alegría. Temos un vestiario maduro nese aspecto e sabemos de que vai isto. Estou convencido que mañá imos ver un bo Dépor".