RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Imanol Idiakez: "Temos que aprender canto antes porque a competición non espera a ninguén"

Imanol Idiakez lamentouse na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR da derrota do Dépor ante o Burgos CF porque "o equipo fixo moitas cousas ben e outra vez queda sen premio a pesar de todo o esforzo de facer un bo traballo".

Advirte que "temos que entender de que vai isto. Os detalles marcan a diferenza nesta categoría e aí non estamos a ser precisos, non estamos a ser todo o bos que deberiamos. En ningunha das dúas áreas estamos a ser bos. O equipo fixo un bo traballo en xeral ante un equipo moi difícil. Dominamos, creamos situacións, chegamos a ese minuto 80 coa sensación de que o partido estaba maduro para poder atopar ese gol e levarnos o partido. E acabamos 0-2 con 2 erros parecidos. Temos que aprender canto antes porque a competición non espera a ninguén".

O técnico insiste na necesidade de "aprender a lección. Por sorte está a pasarnos cousas ao principio para que nos deamos conta e temos que reaccionar. Todo o mundo ve que facemos moitas cousas ben pero non nos está chegando. E aquí trátase de conseguir puntos".

Sobre os novos, opina que "Dani Barcia fixo un moi bo partido e Obrador tamén. Foi de menos a máis, normal porque é un mozo que viña dunha pretemporada estraña, que chega aquí, faltáballe rodaxe. Por desgraza tívose que ir aínda que era algo lóxico e previsible porque facía moito que non xogaba un partido enteiro".

Ademais cre que os problemas físicos de Obrador "non son nada importante. É verdade que temos que esperar a mañá e pasado porque as cousas saen aos dous días pero espero que non sexa nada". Sobre Bouldini explica que "tivo unha sobrecarga e puidoselle cargar. Espero que non sexa máis que iso".

Finalmente Imanol Idiakez conclúe que ao Dépor faltoulle "eficacia. Temos que recoñecelo. Expómonos moito, chegamos moito, combinamos, chegamos até alí e hai que facer goles. Temos que esixirnos pisar a área, e esixir á xente de segunda liña, ás puntas, os mediaspuntas, aos medioscentros goles porque isto vai de números e de meter na portería contraria. É un proceso que estamos a pasar pero é bastante recomendable que empecemos a facer números canto antes porque de sensacións non se vive, vívese de puntos".

Pola súa banda, Jon Pérez Bolo, adestrador do Burgos CF, afirmou que "en Segunda División hai momentos que hai que sufrir, o equipo está preparado para iso e ese bo labor en defensa fainos levarnos os 3 puntos".

Lembra unha ocasión "moi clara de Curro antes do asedio do Deportivo, que foron 10, 15 minutos cos seus cambios que nos meteron na área, tiveron oportunidades, fallamos nalgún despexe e podíannos facer gol. Non o fixeron, fixémolo nós e levámonos os 3 puntos".