RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Un Dépor "tranquilo, absolutamente confiado no que facemos", regresa mañá a ABANCA-RIAZOR ante o Burgos CF

Despois de dous partidos consecutivos en Andalucía, saldados con empate en Granada e derrota en Córdoba, o Dépor regresa mañá sábado 21 de setembro a ABANCA-RIAZOR (18:30, #Vamos) coa visita do Burgos CF, en partido correspondente á 6ª xornada en LaLiga Hypermotion.

Asegura Imanol que os branquiazuis están "tranquilos, absolutamente confiados no que facemos, no traballo dos xogadores. O traballo da semana, o día a día é moi bo. Os que estaban, os que viñeron, todos suman. Todos dan motivos de esperanza, de ilusión. A xente ten moitas ganas de facer as cousas", comentou este mediodía Imanol Idiakez na sala de prensa.

Reitera que "estamos a facer moitas cousas ben nos partidos. Estamos tranquilos, confiados no que facemos asumindo a dificultade da competición e a dificultade da Segunda División".

Os Nosos reencóntranse con #ANOSAFORZA, unha vez confirmada a cifra oficial de abonados con asento para esta campaña 2024-25: 27.549. "Sinto apoio. Temos unha afección marabillosa que nos apoia, enche o campo, é a mellor afección de longo de LaLiga e nese aspecto sinto apoio, agarimo. Nós temos moitas ganas de devolver todo ese apoio a #ANOSAFORZA e darlles alegrías", manifestou.

Imanol Idiakez recupera a Mfulu, baixa no Nuevo El Arcángel a consecuencia dunha sobrecarga muscular.

Así pois, a única ausencia é a de Sergio Escudero, que se atopa na recta final da súa recuperación. "É un tema do cóbado, de forza, de seguridade... Vai ben. Fai moitas cousas no campo pero no que é fútbol e contacto fáltanos dar o último paso. Non creo que quede moito así que imos ir vendo", comentou o técnico deportivista.

O Dépor realizou esta mañá a última sesión de traballo en Abegondo, entre os campos 2 e 3. Os futbolistas arrincaron cunha activación cun xogo e un roldo no centro do campo supervisada por Roberto Cabellud.

A continuación, o cadro trasladouse ao campo anexo para repasar o plan de partido.

Os branquiazuis chegan a esta cita ligueira con 4 puntos, situados na 19ª posición da táboa. "Temos os puntos que temos. Seguramente igual algún punto máis poderiamos ter, pero estes son os puntos que temos e é o que hai. Temos que seguir remando para sacar máis", afirmou Yeremay na sala de prensa ao longo da semana.

Pola súa banda, o Burgos CF, que a pasada fin de semana tombou no Plantío (1-0) ao Real Zaragoza, é 5º con 10 puntos.

Lonxe do seu campo esta temporada os casteláns non coñecen a derrota, posto que gañaron en Huesca (0-1); e empataron en Córdoba CF (2-2).

Jon Pérez Bolo, técnico burgalés, pediu en rolda de prensa para mañá sábado en ABANCA-RIAZOR ser "fortes nas áreas, ser un Burgos reconocible que saque as súas virtudes a relucir, que non cometa erros".

Advirte que o Dépor "clasificatoriamente non está moi ben pero cada partido está a xerar moitas ocasións e a falta de pegada está a penalizarlle un pouco".

Lembra que o seu equipo se vai a atopar "un gran escenario, un gran estadio, cunha afección apoiándolles ao 200%. Imos ter que ter tranquilidade, facer as cousas moi ben desde o principio. Sabemos onde podemos facerlles dano e sabemos que vai haber momentos do partido que nos van a meter no noso campo. Imos ter que estar xuntos, chegar ás axudas, sufrir en determinados momentos do partido".

Finalizado o encontro, o Dépor ten o domingo xornada de descanso e regresará aos adestramentos o luns 23 de setembro a partir das 11:00 horas.

GALERÍA DE FOTOS EN FACEBOOK