Imanol Idiakez subliñou na sala de prensa de Abegondo que "estamos nunha categoría nova. O ano pasado había un obxectivo si ou si, que era quedar primeiros e a partir de aí calquera outra cousa non nos entraba na cabeza. E agora habemos ir a outro sitio, a outro lugar, onde a dificultade é moito maior, onde a igualdade é moitísimo maior, onde vai haber moitas máis xeiras, onde todo o mundo sofre".
De feito, insiste en que "ademais de que somos novos na categoría, de que mantemos unha chea de xogadores que o ano pasado xogaron en Primera RFEF ademais do adestrador, fixemos boas incorporacións, pero estou convencido que todos entendemos que hai uns cuantos equipos que nese aspecto son máis fortes que nós. Temos que ir facéndonos fortes coa competición, facéndonos fortes como grupo e o obxectivo é ir sumando, é cada semana sumar de 3. É o único camiño. Se algún día conseguimos os 50 antes de tempo, oxalá que podamos pensar noutra cousa, pero o demais agora sería perder o tempo. Só podemos pensar en mañá, no Burgos CF, tentar sacar 3 puntos contra un rival dificilísimo e que o equipo siga crecendo".
Recalca que "estamos nun proceso, vimos de Primera RFEF, de 4 anos en Primera RFEF, e de cando en vez non está mal lembralo".
Iso si explica que o Dépor mantén o seu aceno de identidade, "que é como sentimos o xogo aí abaixo, como o senten os futbolistas, como o sinto eu: sendo valentes, indo a por os partidos, atacando. Non teño dúbida que mentres estea eu aquí esa vai ser a intención. Ás veces sairá e ás veces non sairá, pero desde logo queremos atopar a mellora desde ser protagonistas, valentes, desde buscar aos rivais, desde querer ter a pelota, desde ser protagonistas. Estamos nunha categoría superior e hai axustes que hai que facer e hai realidades que hai que asumir".
O adestrador branquiazul asegurou estar "moi contento coa actitude dos xogadores, moi contento con todos. A semana foi moi boa outra vez. O equipo quere, fai moitas cousas ben. Os novos vanse adaptando, están cada día máis integrados. E nese aspecto creo que temos unha chea de posibilidades".
Lembra que "as circunstancias do mercado condicionan moito porque os xogadores non teñen nin marxe de facer unha pretemporada como Deus manda, Veñen aquí e queremos colocalos no campo sen coñecer aos seus compañeiros, sen saber o que facemos, sen ter conceptos, sen saber o balón parado como o traballas... Ou sexa, cousas mínimas. E sobre todo nalgunhas posicións necesitamos que teñan seguridades, porque se sacas un dianteiro e está menos acertado non é tan grave; pero se sacas un central, un porteiro, un defensa e aínda non está adaptado ao que fas pódeche custar máis".
Neste arranque ligueiro, aínda que prefire coller os datos "con coidado porque son enganosos, outra vez vólvennos a dicir que de área a área non estamos precisamente mal, aínda que nos están penalizando a falta de efectividade tanto nunha área como na outra. Iso é unha realidade no que vai de de temporada, un pouco parecido a como empezou a temporada pasada tamén".
O técnico deportivista admite que "o outro día en Córdoba ou en Granada houbo intres que nos custou os reinicios, a presión alta dos rivais. Pero é verdade que tampouco queremos deixarnos levar por ningunha onda pesimista porque o equipo fai moitas cousas ben. Temos situacións de gol cada partido e sabedes perfectamente que os goles o cambian todo. Os goles cambian os partidos, cambian a forma na que os miramos".
A súa receita para mellorar é "sobre todo traballar. Ao final na vida hai que insistir. Cando as cousas non saen o ben que un quere hai que insistir. Nós desde logo por traballo non vai ser, por insistir non vai ser. Todo o mundo adestra, pero facer máis finalizacións que nós non será fácil. Estamos todo o día finalizando, todo o día facendo exercicios de último terzo: 3 contra 2, 2 contra 1, remates dun lado, do outro"
Finalmente do Burgos CF, rival mañá sábado 21 de setembro ás 18:30 en ABANCA-RIAZOR (#Vamos), sostén que "é un equipo moi ben feito, moi ben construído, coas ideas moi claras. É un rival de Segunda, rochoso, difícil, con individualidades, balón parado... Un equipo que che esixe traballar o partido e gañar cada centímetro no campo porque non che van a regalar nada. Ten de todo, sempre está nos partidos, sabe competir... Ten unha boa estrutura, un bo adestrador, que fai ben as cousas desde hai tempo. Eles téñeno claro e nós creo que tamén".