O central, que mostrou o seu agradecemento ao Club pola súa acción solidaria ante a situación na Comunidade Valenciana, considera que o Dépor "sufriu todos os tipos de partido e movémonos ben en todos eles". Alude non só ao gol de Soriano, senón tamén á parada de Helton Leite para asegurar que no fútbol hai veces que a vitoria pode caer de calquera lado.
Segundo considera o xogador valenciano, foi un enfrontamento moi sólido en todas as fases, "estamos sempre no partido e hoxe demostrouse". A pesar duns minutos complicados na segunda metade, "soubemos xuntarnos e o equipo estivo en pé".
Para el, este encontro "permítenos crer no que viñamos facendo" e considera que "isto nos dá un pouco de aire". Ademais, valora positivamente os primeiros días de traballo con Óscar Gilsanz á fronte: "Seguiu o fútbol que había, achegando os seus matices".
Por último, Pablo Vázquez non perde a oportunidade de facer referencia a #ANOSAFORZA e agradecer o seu apoio incondicional partido após partido, "a xente segue estando connosco e merecíano".
Pola súa banda, o goleador Mario Soriano, sente "un pouco doído por marcar ao Eibar", aínda que sobre todo recalca que se atopa "moi contento polo tres puntos e polo meu primeiro gol da temporada". "Vai ser un paso adiante para todo o equipo", engade.
Ante a tinguidura especial do partido para Soriano, o xogador confesa que sentía algo especial o día de hoxe: "dixéralles aos meus familiares que hoxe tiña esa sensación de que ía marcar". "En canto golpeei o balón sabía que ía moi ben", confesa.
No referente á súa demarcación no terreo de xogo, Mario admite que "me gusta chegar á área, teño mente de mediapunta". Con todo, tamén sabe adaptarse á súa posición máis atrasada e "teño que ter máis cabeza á hora de chegar".