Intensa fin de semana do Dépor Genuine en Tarragona, primeira parada de LaLiga Genuine 2024-25
O Dépor Genuine arrincou esta fin de semana LaLiga Genuine 2024-25, unha competición de fútbol desenvolvida por LALIGA, a través da súa Fundación, e pioneira en promover a integración de persoas con discapacidade intelectual na sociedade a través do fútbol.
Intégrana 47 equipos procedentes de toda a xeografía española, con algo máis de 1.200 xogadores e xogadoras; e asentada como un referente no deporte inclusivo e unha celebración da diversidade.
Os equipos quedaron divididos en 2 grupos baixo os nomes de Compañeirismo e Respecto, dos que sairán dous campións deportivos e dous de fair play cando finalice o calendario, que estará dividido en 4 fases, distribuídas en 6 sedes.
A primeira das 6 paradas foi esta fin de semana Tarragona, co Nàstic de Tarragona como club anfitrión, que recibiu a todos os equipos Genuine no Fútbol Salou Sports Centre.
Os rivais branquiazuis foron o CD Tenerife EDI, Fundación Albacete e Fundación Barça.
Cada partido consta de 4 partes e do resultado de cada unha delas extráese o marcador final, que foron en Tarragona os seguintes:
Sábado 23 de novembro DÉPOR GENUINE 1 - FUNDACIÓN BARÇA 3 DÉPOR GENUINE 2 - FUNDACIÓN ALBACETE 0
Domingo 24 de novembro DÉPOR GENUINE 1 - CD TENERIFE EDI 2
A próxima parada de LaLiga Genuine 2024-25 será Valencia, a fin de semana do 8 e 9 de febreiro; e a Cidade Deportiva de Abegondo, o 15 e 16 de marzo, que acollerá esta gran festa por segunda temporada consecutiva.