RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ASNOSAS

Irene Ferreras advirte que o Dépor ABANCA ante o DUX Logroño vai saír a morder

Irene Ferreras recalcou na sala de prensa de Abegondo que a borrasca Karlotta que azouta á Coruña e a súa comarca "afecta porque cámbianche as condicións do campo, incluso a maneira de xogar. Por exemplo no adestramento de hoxe xa estás incómodo en moitas accións onde o balón non roda ou non roda á velocidade que necesitamos, pero haberá que adaptarse. Isto pasa para os dous equipos. É verdade que para o noso modelo de xogo deterióranos un pouquiño máis, pero queremos os 3 puntos e non vai ser escusa para nada o temporal".

Asegura que "imos tentar facer un partido competitivo dentro das circunstancias que se dean. Xa veremos o sábado se fai moito vento, se chove. A priori si, pero tamén é verdade que cada vez que vimos aquí a Abegondo adoita saír o sol e pasa algo especial que nos permite xogar. En calquera caso, o equipo vai saír a morder, vai saír a gañar porque necesitamos eses 3 puntos. Elixiremos o mellor método ou vía para facelo en función das circunstancias".

Precisamente sobre o DUX Logroño, ante o cal se lle escapou a temporada pasada o ascenso directo ás branquiazuis, a adestradora deportivista opina que "os antecedentes, cando non son bos, hai que tentar cambialos. Son situacións que che fan crecer".

Advirte que este sábado 10 de febreiro ás 12:00 (Youtube RC Deportivo) chega á Cidade Deportiva "un equipo cambiado da primeira volta porque houbo un cambio de adestrador non fai moito que lles xerou unha dinámica máis positiva a nivel de resultados; e sabendo que imos ter que estar ao noso mellor nivel porque queremos facer de Abegondo esa parte forte do que nos queda de temporada".