Juanfran Moreno, un dos capitáns do Dépor, atendeu aos medios de comunicación esta mañá na sala de prensa do Estadio ABANCA-RIAZOR, xusto antes de arrancar o adestramento diario do primeiro equipo.
O lateral deportivista asegura, de cara á temporada próxima, que "se o Deportivo cre que podo ser importante e estou dentro dese proxecto que hai que dar á xente, estarei encantado".
Lembra que leva 4 anos no Dépor, nos que "tiven opcións para saír menos o primeiro ano. E non quixen. O Deportivo é grande en Primeira ou en Segunda. Este ano temos aquí un adestrador que o gañou todo como xogador e estaría encantado de quedar en Segunda".
Insiste en que "o Deportivo é grande. Ten unha gran afección, vai ter moitísimos socios. Necesítase un proxecto ilusionante para a afección e se Carmelo (del Pozo) neste caso cre que podo estar nel, encantado".
De todos os xeitos, advirte que o seu futuro inmediato pasa polo partido do domingo 20 de maio en Mestalla ante a Valencia CF (12:00 horas, Bein LaLiga), e "tentar acabar da mellor maneira posible. Despois hai emprazada unha reunión entre Carmelo e eu. Saber que intención ten. Cando Carmelo me diga eu dareille a miña opinión. Primeiro quero saber que quere el".
Cualifica esta temporada como "un fracaso. Iso é evidente. Non se conseguiu o obxectivo da permanencia. Ao principio da temporada as expectativas eran outras. A temporada non empezou ben. Así cada vez peor. Ao final a desgraza do descenso. Agora a mirar á fronte e a pensar no ascenso".
Opina que os xogadores "somos os actores principais. Non estivemos ben. Todos puidemos estar mellor. Puidemos facer mellor as cousas. O que hai que facer é pensar no futuro e devolver ao Club onde se merece estar, que é en Primeira División".
Preguntado por Clarence Seedorf, recalca que "conseguiu algo que en 4 anos non houbo, que é que o grupo reme na mesma dirección. O equipo cambiou moitísimo, é moito máis serio. Non nos imos dos partidos como nos iamos. Gustaríame ver a este adestrador e a este corpo técnico cunha pretemporada e podendo traballar desde verán. O Deportivo subiría seguro con el. Téñoo claro. É un adestrador que seguro que ten ofertas para adestrar na Serie A o ano que vén e que se queira quedar aquí en Segunda, fala moi ben del e do que quere ao Deportivo".