RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ASNOSAS

Kevin Cabado: "Debemos ir coa humildade de ser un recentemente ascendido, pero sen complexos"

Pechado o mercado de verán Kevin Cabado, responsable do Dépor ABANCA, pasouse pola sala de prensa de Abegondo acompañado polo Director de Fútbol Fernando Soriano.

Cre que nesta temporada de regreso á Liga F, "debemos ir coa humildade de ser un recentemente ascendido, pero sen complexos"; e desvela que "cando os equipos nos visitan e coñecen todo o que temos, somos un pouco a envexa".

Estas foron algunhas das súas frases:

-Comezo da liga
-"Sabiamos cando saíu o calendario que o principal era competir estes dous partidos. Creo que o equipo estivo á altura, competiu, levou ao Barça ao límite na primeira xornada, co Atlético de Madrid tivemos mesmo a opción de empatar cunha xogada un pouco dubidosa de Ainhoa Marín no minuto 80. Estamos moi contentos. E as sensacións que transmite o equipo, tanto en adestramentos como partidos, son moi boas".

-Valoración do mercado
-"Tiñamos moi claro cara a onde iamos ir. Fixemos 8 incorporacións, cremos que perfís moi diferentes. Perfís de xogadoras xa experimentadas na categoría quizais nos podían faltar porque cremos moito no talento que xa tiñamos en Segunda División e as mozas que veñen de canteira, pero quizais nos faltaba esa madurez e esas xogadoras que nos puidesen dar esa experiencia. Despois buscabamos outro perfil máis de xogadora nova, internacional como Marina e Olaya. E a verdade é que estou moi contento coas 8. Puidemos ver a 6 de momento polo Mundial sub 20. Ás que faltan ídelas a ver e estou seguro de que nos van a dar moitísimo. Estamos a desexar a súa volta. Temos todos os perfís que necesitabamos. Queriamos un cadro cortiño para deixar paso á xente de abaixo. Temos 20 xogadoras de primeiro equipo, 6 en dinámica habitual, 2 máis que veñen de abaixo, 28 mozas preparadas para dar o máximo en Liga F e agora xa pensar no Betis".

-Temporada en Liga F
-"Debemos ir coa humildade de ser un recentemente ascendido, pero sen complexos. Creo moito neste grupo, creo no talento que temos no equipo, creo moito no staff e non creo que vaiamos ser a Cenicienta. Imos competir todos os partidos, estamos a demostralo. Tampouco imos gañar fácil ningún partido. Debemos pensar no día a día, en adestrar hoxe ben, en mañá ser mellores, no domingo ser mellor equipo que o que fomos contra o Atlético de Madrid. E a partir de aí demostrarase o que é o proxecto do Dépor ABANCA e que é unha firme realidade".

-Obxectivo do Dépor ABANCA
-"Sendo un recentemente ascendido, asentarse na categoría é o principal: asentarnos nós, asentar ás xogadoras... Estamos a crear un proxecto a medio, longo prazo. Estades a ver que estamos a renovar a xogadoras a medio prazo porque cremos que as xogadoras que temos van ser importantes na categoría nestes anos. Este ano ser mellores cada día e asentarnos en Liga F son os obxectivos".

-Aposta polo equipo feminino
-"Somos uns privilexiados e privilexiadas. Eu dígollo a elas todos os días. Elas valórano moito, de feito cada vez que veñen aquí agradéceno, agradéceno o día a día e mesmo cando os equipos nos visitan e coñecen todo o que temos somos un pouco a envexa. Entón agradecer esa aposta do Club, esa aposta da Dirección de Fútbol, de todos. Para min é moito máis sinxelo atraer xogadoras a partir dun Club que aposta realmente polo fútbol feminino".

-Límite salarial
-"Ninguén que o analice pódelle atopar ningún tipo de sentido a que esteamos influídos por ese límite salarial. O Club quere investir e vese moi lastrado en canto a incorporacións porque compútache ese límite. Só somos 3 equipos os que temos ao equipo masculino en Segunda División: Eibar, UD Levante e nós. E ademais somos o único que acaba de ascender, que non ten un seguro de descenso. Eu creo que deberían ser situacións paralelas e non computar dentro do límite do equipo masculino. Estamos a tratalo e oxalá podamos chegar a unha solución".

-Cesións
-"Criamos que as xogadoras que tiñamos en propiedade xa eran xogadoras e proxectos de club; e criamos que podiamos complementalo con xogadoras novas, con ambición, que veñan darnos ese plus nos adestramentos, que se queiran gañar o sitio nos seus clubs de procedencia e sobre todo fichámolas porque son moi boas xogadoras. Tanto Inês, como Olaya e como Marina vannos a facer mellores. E esa era a fórmula para poder telas aquí".

-Lesión de Lucía Rivas
-"Amola sobre todo polo nivel humano, porque é unha nena que leva connosco aquí moitos anos, pola súa familia. É unha xogadora 100% deportivista e nós xa a viamos este ano competindo co primeiro equipo. Criamos que aí si estabamos ben cubertos con Bárbara e Hmírová; e temos a Michi Apóstol, que acaba de volver do Mundial sub 20 e fixo gol co filial esta semana. Entón criamos que non debiamos fichar a alguén para o sitio. Esperamos a Lucía, seguimos contando con ela. Oxalá se recupere o mellor posible e o futuro sexa deportivista tamén para ela".

-Abonados ao Dépor ABANCA
-"Porlle unha pega a #ANOSAFORZA sería temerario. Estamos súper contentos, súper orgullosos. O outro día 8.000 persoas en ABANCA-RIAZOR. Esta semana xa están a volver a responder coa venda de entradas e oxalá se anime moita xente a vir ao Betis, que non só estean o día do Barça e o do Madrid, que estean todos os días como estiveron sempre. Coa súa forza é como imos asentar o proxecto na categoría".