RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Kevin Sánchez, titular e goleador con España sub-19 nun partido ante Noruega no que tamén xogou Mella

-Foto:@rfef.es

David Mella e Kevin Sánchez estiveron concentrados desde o pasado luns coa selección española sub-19 na localidade alacantina de Alfaz del Pi para disputar dous amigables ante Noruega en Benidorm.

A segunda e última cita foi esta mañá no Estadio Guillermo Amor.

Kevin Sánchez foi titular e anotou no minuto 63 o tanto do triunfo (2-1) español. Pouco despois, no minuto 77, foi relevado por Sergi Domínguez.

Pola súa banda, Mella entrou ao partido após o descanso coincidindo coa remontada española posto que a primeira parte finalizou con triunfo parcial de Noruega por 0-1. De feito, o '3' deportivista realizou no minuto 51 unha gran galopada pola banda esquerda e, tras sortear aos defensores rivais, deu un gran pase á área na que foi unha das grandes ocasións de España.

No primeiro dos amigables, disputado o pasado martes no mesmo escenario, o Estadio Guillermo Amor de Benidorm, o triunfo foi claramente hispano (5-0). 

Dos representantes branquiazuis só xogou Kevin, que saltou ao céspede no minuto 68 en substitución de Álvaro Moreno.

David Mella, que chegaba á concentración despois dun esixente partido o domingo co Dépor en ABANCA-RIAZOR ante a SD Tarazona, seguiu o choque desde o banco.

Os resultados da selección española sub-19 foron os seguintes:

Martes 20 de febreiro
ESPAÑA 5 - NORUEGA 0

Xoves 22 de febreiro
ESPAÑA 2 - NORUEGA 1

David Mella e Kevin Sánchez, que regresan á Coruña ao longo de hoxe xoves, son dous dos canteiráns que están no radar das categorías inferiores da selección española, como José Rey, Pablo García, Elena Vázquez, Lucía Rivas ou Antía Veiga.