RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
RCDEPORTIVO

LaLiga dá a benvida a un Dépor que asegura volver con moita humildade, pero sabendo que a nosa historia nos esixe ser mellores cada día

LaLiga deu esta mañá a benvida ao RC Deportivo e ao resto dos 7 clubs ascendidos ás dúas primeiras categorías do fútbol español cun acto celebrado na sede do organismo futbolístico en Madrid.

O conselleiro Carlos Ballesta representou ao Club branquiazul e asegurou que "é unha enorme alegría para o Deportivo e para todo o deportivismo regresar a LaLiga. Foron 4 anos de espera, de sufrimento, de desgustos, pero tamén de aprendizaxe e fortalecemento".

Apuntou ademais que este tránsito pola Primera Federación serviu para que "o deportivismo aflorase con máis forza, como reflicten o tres marcas de asistencia en ABANCA-RIAZOR que logramos esta pasada campaña".

Carlos Ballesta afirma que "volvemos con moita humildade, pero tamén sabendo que a nosa historia nos esixe ser mellores cada día e tratar de chegar todo o máis alto posible. Como diría o inesquecible Arsenio Iglesias: 'Moito traballo e moita humildade'. E con esa receita regresamos ao fútbol profesional".

Pola súa banda, Javier Tebas, presidente da LFP, afirmou que "todos sabemos o enorme esforzo que supón conseguir o ascenso a LaLiga EA Sports ou a LaLiga Hypermotion. Por iso, queremos render homenaxe aos 7 clubs que, a temporada pasada, demostraron ser os mellores sobre o terreo de xogo e que afrontan unha nova campaña chea de retos, competitividade e, sobre todo, ilusións renovadas".