RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Lapeña: "Encadear as dúas vitorias faranos chegar ao playoff coa confianza subida"

Adrián Lapeña subliñou esta mañá na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR que é "fundamental" chegar ao playoff en dinámica gañadora, pasando este sábado 27 de maio por Pasarón ás 19:30 horas (TVG-2, G24.gal e InSports.tv): "Sabemos que a nosa liga non acaba esta fin de semana, por tanto temos que levalo á práctica coma se fose un tramo de liga normal. As boas dinámicas tamén fan que teñas máis confianza, que as cousas que o míster quere que saian, saian máis fáciles, máis fluídas. Por tanto, gañar o finde en Pontevedra e encadear as dúas vitorias co novo míster faranos chegar ao playoff coa confianza subida e coa mentalidade de que somos gañadores tamén en calquera sitio".

O defensor deportivista explica que coa chegada de Rubén de la Barrera ao banco branquiazul "agora temos un xogador máis por detrás dos centrais co que tamén temos que intervir moito, que é o porteiro. Fainos esa superioridade cos dianteiros. Logo temos os laterais un pouquiño máis preto de nós e partir doutra posición igual que non é a típica posición pegada á banda como sempre, para ter outras alternativas que a Rubén lle gustan. El pensa que desde aí, coa calidade que temos, podemos facer dano ao rival e sobre todo levarlle o balón aos nosos xogadores de arriba, que con espazos e con tempo son determinantes e pódennos xerar moitísimas ocasións de gol".

Asegura que non se fixou no posible rival no playoff porque "a liga non acabou nin para eles, nin para nós, nin para ningún equipo dos dous grupos. Non sabemos cal vai ser o devir da fin de semana, non podemos predicilo".

No entanto, advirte Lapeña que a Pontevedra "imos coa mentalidade de gañar, esperar que o Real Madrid Castilla non o faga en Alxeciras e a partir de aí miraremos o outro grupo a ver quen nos tocou. Pero non queremos adiantarnos a nada".

Así mesmo, subliña que "non temos prioridade por ningún rival. Temos compañeiros en Castellón, eu por exemplo tamén teño compañeiros na Real Sociedad B, pero iso non quita para que esteamos centrados no que nos toca a fin de semana, que é gañar e logo xa nos fixaremos no que nos toca", reitera.

O defensor deportivista indica que "persoalmente sei como xogan certos equipos do outro grupo porque algunha fin de semana me dediquei a ver partidos do grupo 2, pero temos un staff magnífico que se dedica seguramente a analizar desde xa todos os posibles rivais que nos poidan tocar e coas indicacións que nos dean poderemos facer ante calquera equipo grandes partidos".

Non ten preferencias por ningún rival e opina que "os filiais son só un equipo máis da categoría ao que hai que gañar. Se queremos ascender teremos que gañar a dous equipos e dáme igual que sexan dous filiais, que non o sexan. Fálase moito de que os filiais en Segunda División non é que pinten moito. Eu estiven nesa posición. Cando estás aí queres gañar, queres subir porque estás máis preto do fútbol profesional, dos seus primeiros equipos. Cando saes de aí ves a equipos que por masa social, polo estadio que teñen é unha pena que non poidan estar en categorías superiores".

Desvela así mesmo que na canteira da Real Sociedad coincidiu con Rubén de la Barrera: "Cando el chegou con Asier Garitano eu estaba en dinámica de primeiro equipo ata que se foi. Ha ir incluíndo ideas novas no seu librillo que creo que lle fixeron mellor adestrador. Xa era un adestrador que lle gustaba ter a pelota, que os seus xogadores tivesen moitísima mobilidade, pero o fútbol evoluciona, eles teñen que adaptarse, teñen que evolucionar como nós. Veulle tamén ben esa etapa, do mesmo xeito que a nós vénnos ben estar en todos os sitios nos que habemos ir".

A un cartón amarelo de ter que cumprir un partido de sanción, que sería o primeiro do playoff, cre que "é unha circunstancia como outra calquera. Tampouco vou volverme tolo, Se Rubén decide que teño que xogar é un partido máis. Temos que gañalo, temos que quedar terceiros para poder optar a eses privilexios que che dá o playoff. Así que con esa mentalidade, non hai outra que gañar o partido. E logo os cartóns, somos moitos xogadores e se algún non lle toca xogar o playoff, farao outro de igual maneira".

A nivel persoal, e de novo titular a pasada fin de semana en ABANCA-RIAZOR ante o Algeciras CF, asegurou Lapeña atoparse "ben, a gusto. Creo que fixen un bo partido. Se non perdes ese ritmo de adestramento, a pesar de que non estás a xogar, cando tócache as cousas saen máis fluídas, son moito máis fáciles".

Recoñece que "ao final do partido, pola falta de minutos estas últimas semanas, acusei un pouco o cansazo, pero é normal. En liñas xerais fixen un bo partido, así que hai que seguir traballando para que Rubén siga confiando en min".