Adrián Lapeña manifestou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que o Dépor "chega en boa dinámica a este final de temporada, que é o máis bonito e o máis importante. Está mentalizado de que ten que sacar os partidos adiante sexa como sexa, porque agora si que non hai marxe de erro, temos que sumar de 3 en 3 e tentar deixar aos rivais directos atrás canto antes".
Cun Real Madrid Castilla-RC Celta B e un Córdoba CF-AD Alcorcón nesta xornada, recalca que "nós temos que facer os deberes. Son as xornadas máis importantes para os equipos que estamos arriba porque ti sumas e a alguén lle vas a meter puntos. Por tanto temos que poñer os 5 sentidos neste partido, facer as cousas case á perfección porque son os partidos nos que non podes fallar. Enfróntanse os equipos de arriba e se ti ganas e sumas de 3 en 3 a algún lle vas a recortar puntos e cantos máis sexan, moito mellor".
Lembra que "nós somos os primeiros que queremos gañar porque isto tamén é para nós. Vivimos disto e somos os primeiros interesados en gañar os partidos. Si que é verdade que #ANOSAFORZA xa se vai merecendo que lles deamos alegrías fóra de ABANCA-RIAZOR, porque sempre están aí, nunca nos fallan. Por tanto temos ese aliciente e esa espiña cravada de que poidan gozar das vitorias do seu equipo fóra de casa porque tamén fan un gran esforzo acompañándonos aos campos onde imos".
Así pois, segundo o defensor deportivista "temos que dar ese plus de enerxía, témoslles que dar iso que eles nos están demandando porque o esforzo que están a facer é máximo", conclúe.
Respecto da temporada pasada considera que "probablemente ao tramo final cheguemos mellor que o ano pasado porque a pesar dos resultados fóra de ABANCA-RIAZOR, que non son os nós queremos ou esperamos, estamos a ter certa regularidade e iso faiche tamén chegar ao tramo final con esa confianza necesaria para poder ir xogar calquera partido sabendo que tes os recursos e as capacidades suficientes para sacar os partidos adiante".
Na súa opinión, os resultados do Dépor fóra de ABANCA-RIAZOR son "xa un tema emocional. Temos unha situación na que non estamos a conseguir sacar os partidos adiante fóra de casa, pero ten que ver máis cun tema emocional noso. Probablemente cando se nos dan situacións que non esperamos no partido ou que non nos gustan entramos nun bucle de non saber xestionalas polo contexto que estamos a xerar de incapacidade de gañar os partidos fóra de casa".
Lapeña ve necesario "mirar dentro de nós mesmos e tratar de xestionar eses pensamentos internos que temos porque se non vai ser moi difícil que ante situacións que se nos poñan adversas poder darlle a volta por exemplo o outro día fixemos en ABANCA-RIAZOR. Sentímonos fortes en casa e iso vese relacionado co remontar o partido dúas veces e encima gañalo de forma avultada con 2 goles. Iso temos que trasladalo tamén aos partidos fóra de casa porque é fundamental se queremos levarnos o campionato".
Insiste en que o rendemento fóra de ABANCA-RIAZOR "non é un aspecto de fútbol porque se pode ver cada 15 días en casa que o fútbol está e iso non desaparece cando vas xogar a Talavera ou a Ferrol, como temos que ir esta fin de semana. O fútbol está nos pés dos xogadores pero o que temos que facer é controlar as nosas cabezas para que o que se pon en contra non nos afecte da maneira que nos está facendo e poder conseguir 3 puntos fóra de ABANCA-RIAZOR que para nós son vitais".
Do Racing de Ferrol, rival este domingo ás 19:00 na Malata (TVG-2 e InSports.tv) o central deportivista apunta que "é un equipo que se xunta moi ben, que deixa moi pouquiños espazos. Ten un gran potencial sobre todo nas súas bandas, tanto Heber como Carlos son xogadores que atacan moi rápido e lévanlles moi fácil a campo contrario. Ademais é un rival que a pelota parada ten moito potencial e moito perigo. Por tanto este partido vainos a esixir estar ao 200 por 100 de concentración porque en calquera momento teñen ese tipo de xogadores que pode decantar o partido".
Afirma que os ferroláns "tiveron unha mala xeira ao principio de temporada, que parece que non atopaban esa xeira de resultados, pero podemos ver que ao tramo importante da temporada veñen coa frechiña para arriba. Iso fainos estar máis alerta se cabe, porque se xa son un equipo que ten un potencial moi alto, se chegan con confianza de xogo e de resultados, iso failles ser máis perigosos. Pero nós tamén chegamos en boa dinámica. Temos que esquecernos de onde xogamos, de contra quen xogamos e afrontar o partido fixándonos nas características dos xogadores que temos enfronte porque a partir de aí creo que teremos os recursos necesarios para poder gañar".
Lapeña vaticina na Malata un partido entretido para o espectador porque "son un equipo que xeran moitísimas ocasións de gol. Outra cousa é que estean acertados ou non. Nós tamén xeramos un volume de ocasións altísimo. Por tanto ocasións vai haber, o que pasa é que somos equipos que defendemos bastante ben, facémonos tamén fortes en nosa propia área. Os datos están aí, goles pode ser que haxa poucos, por tanto manter a portería a cero será un punto importante se nos queremos levar o partido".
A nivel individual, asegura atoparse "como sempre. Traballo todos os días para que o míster acórdese de min cando teña que facer a aliñación. Ultimamente, coa baixa de Pepe, estou a volver a xogar. Estou moi a gusto, atópome moi ben tanto física como mentalmente, así que gozando dos minutos que estou a ter".