Lucas Pérez promete no pregón das festas da Coruña volver dar outra alegría
Lucas Pérez, capitán do Deportivo, deu o pistoletazo de saída ás festas de agosto da Coruña coa lectura do pregón no balcón do Palacio Municipal ante unha enfervorizada Praza de María Pita.
O dianteiro branquiazul estivo acompañado pola alcaldesa Inés Rey e polos conselleiros do Club Carlos Ballesta e Vicente Fernández.
Lucas releva así a Lionel Scaloni, pregoeiro no 2023; e aos tamén deportivistas Arsenio Iglesias (ano 1994), Fran (2000), Luis Suárez (2003) ou Amancio Amaro (2004).
Visiblemente emocionado, prometeu "seguir empuxando" e dar outra alegría porque "o Dépor e A Coruña son de Primera!"
Acordouse dos seus avós, felicitou ao Dépor ABANCA e ao Basquet Coruña tamén polos seus ascensos, e confesou soñar "moitísimas veces con estar neste balcón".
Entre o delirio dos coruñeses e coruñesas congregados na praza afirmou que "esta cidade deumo todo"; e asegurou que "volvín e volvín para sempre".
Lucas proclamou que "xogar no Dépor é o meu soño e vivir na Coruña é un privilexio, un luxo, porque vivimos na mellor cidade do mundo".