RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Luisinho: "O camiño é traballar, crer que é posible, sabendo as dificultades que imos ter"

Luisinho compareceu esta mañá na sala de prensa de Abegondo. Recoñece que o equipo está "nunha situación na que non podemos fallar tanto. Agora hai que pasar páxina. Sabemos que as cousas non están a saír ben, pero non hai outro camiño que traballar".

Sente o lateral deportivista que "non podemos fallar en cada partido. É normal que haxa esa ansiedade. Agora non hai outro camiño que ser positivos e sacar isto o máis rápido posible".

Comprende o malestar do deportivismo: "É normal que a xente estea enfadada porque xa son moitos partidos que o equipo non gaña. Nós tamén sentimos iso. Non queremos estar nesta situación. Pero non hai outro camiño que traballar e crer que é posible saír", subliña.

Insiste en que a xente "está no seu dereito de opinar. Nós o que temos que facer é traballar. Nós non queremos isto. Estamos nunha situación que o equipo non quere. O Club non merece pasar por isto. Somos os xogadores os que temos que sacar isto. Os xogadores metemos o equipo abaixo e só compétenos a nós sacar ao equipo da zona na que está. Non vai ser fácil. Pero o camiño é traballar, crer que é posible, sabendo as dificultades que imos ter por diante".

Preguntado polos erros individuais que onte puxeron costa arriba o encontro ante a Valencia CF, Luisinho asegura que "máis que nunca estamos con eles. O grupo está unido. Non hai outra agora. Temos un partido o domingo contra o Real Madrid difícil (domingo 21 de xaneiro, 16:15, Bein LaLiga). A ver se conseguimos sacar algo positivo".

Recalca que medo a ese partido no Estadio Santiago Bernabéu non hai, aínda que si cre que "a nosa situación non é a máis idónea para ir a Madrid a xogar. Estamos nunha situación na que todos os partidos son difíciles. Queremos sumar en todos os partidos porque temos poucos puntos. Non é o partido ideal para ir esta fin de semana. Pero é o que hai. O vestiario está doído pola derrota de onte. O equipo fixo un partido polo menos para merecer o empate. Pero o fútbol é así".

Advirte que o obxectivo do equipo esta temporada "está máis difícil que outros anos. Os equipos están máis equilibrados e non vai ser unha segunda volta tan fácil. Temos que puntuar bastante. Temos poucos puntos. E empeza xa no partido do sábado. Cada punto agora é ouro, e non podemos fallar. As cousas están a complicarse e hai que ir partido a partido tentando sumar".