Luisinho recoñece que "estamos tocados pola situación que atravesa o equipo"
Luisinho compareceu este mediodía ante os medios informativos na sala de prensa de Abegondo.
Cualificou o lateral deportivista o momento polo que atravesa o equipo como "delicado. Preocúpanos iso. Estamos un pouco tocados pola situación que atravesa o equipo".
Á afección, cre Luisinho, "non se lle pode dicir nada. Aguantou moito todos estes anos de sufrimento. A única solución é gañar. E para iso nós temos que responder dentro do campo".
Asegura que o equipo "non está a competir. Todos somos culpables do que está a pasar. Non debería pasar porque somos profesionais do fútbol. Sabemos que é un momento difícil, delicado. Quizais o máis difícil nos últimos tempos. Pero quen ten que sacar isto son os xogadores. Non hai outra".
Pide nestes momentos "estar xuntos. Non facer batallas por conta propia. O momento non é fácil. As palabras agora non chegan e hai que ir aos actos".
Preguntado por Cristóbal Parralo, opina Luisinho que "fai todo o posible para sacar isto da mellor maneira. Non o está conseguindo. Nós somos culpables de estar nesta situación".
Como futbolista máis veterano do cadro, o defensor deportivista insiste en que salvarse esta temporada é máis complicado que en anos anteriores: "Cada partido é difícil e o equipo non reacciona como debería. Os rivais son outros, máis competitivos que en anos anteriores. Até o final vai ser unha pelexa moi difícil. Non podemos baixar os brazos. Hai moitos puntos por disputar. Se baixamos os brazos, imos ao descenso".
Xulga importante que "en primeiro lugar nós temos que crer. Se nós non cremos, non imos a ningún lado. O primeiro paso é crer en nós, ter esa esperanza de que isto poida cambiar. Pero o máis rápido posible".
De cara ao encontro do próximo luns 12 de febreiro no Estadio ABANCA-RIAZOR ante o Betis (21:00 h. Gol), advirte que "hai que empezar a gañar. Non sumar e si digo empezar a gañar. Sumar un punto non nos chega. Temos que empezar a gañar e crernos que é posible. O que baixe os brazos primeiro vaise a Segunda".