O internacional ucraíno Maksym Koval (Zaporiyia, Ucraína, 9 de decembro de 1992) superou esta mañá o recoñecemento médico no Hospital HM Modelo da Coruña e, após asinar posteriormente toda a documentación, converteuse en novo porteiro deportivista até final de temporada con opción de compra.
Koval chega convencido de que "todo vai cambiar. Imos subir na clasificación"
Nas súas primeiras declaracións aos medios de comunicación, confesou estar "moi feliz. Vou facer todo o posible para axudar aos meus compañeiros e ao equipo a subir posicións".
É consciente de que esta temporada o Dépor xogou con varios porteiros: "Hai bos porteiros. É cousa de mala sorte. Vai cambiar todo e imos subir".
Após presenciar o encontro de onte no Santiago Bernabéu, Koval sostén que o Dépor, "nun partido tolo marcou demasiado cedo. Tiña que marcar máis tarde".
Subliña Koval que non necesitou moito tempo para aceptar a proposta do Dépor: "É un gran equipo, un equipo grande en España. Estou moi feliz por estar aquí e vou adestrar para axudar ao equipo, aos meus compañeiros".
É máis, conta que lle foi suficiente unha hora para decidirse: "Falei coa miña familia, co meu pai. El preguntoume se quería. E eu respondinlle: Por suposto, é o Dépor".
Asume que xoga nun posto delicado, a portería: "Un gardameta cando comete erros sempre se lle mira con lupa, nun xogador non se fixa tanto".
Do Deportivo mostrouse coñecedor da súa historia, "como a vitoria sobre o Milan na Champions League, xogadores como Bebeto ou Roy Makaay. Da cidade todo o mundo di que é unha cidade moi tranquila, moi bonita. É un equipo grande, ou sexa que moi contento".
Koval é internacional en todas as categorías no seu país, militou 2 temporadas no Metalurg Zaporizhia. En 2010 fichou polo Dinamo de Kiev. As campañas 2014-2015 e 2015-2016 estivo cedido no Hoverla Uzhhorod ucraíno e no Odense danés. Na temporada actual disputou un total de 18 partidos entre Premier de Ucraína, Europa League e a clasificación para a Liga de Campións.
Mañá martes, adestrarase cos seus novos compañeiros na Cidade Deportiva de Abegondo.