Max Svensson manifestou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que, a pesar do empate da pasada fin de semana na Malata, "como sempre estamos ben. Temos que estar xuntos e traballar sempre ao máximo".
Esa receita non pasou desapercibida para Óscar Cano, quen en repetidas roldas de prensa eloxiou o esforzo do futbolista catalán en cada adestramento e a súa entrega cada vez que salta ao campo nos partidos.
O dianteiro conta que as sensacións que se trouxo de Ferrol é que "saes cun empate, non te levas os 3 puntos; pero se ves o xogo, defendemos moi ben. Logo xa en saída de balón custounos un pouquiño máis porque nos souberon apertar, non deixaban recibir por dentro... Eles tamén fixeron ben o seu partido e o empate é xusto".
Cre que "non foi un partido fácil porque non deixaban mostrar o noso xogo por dentro, apertábannos moi arriba, tiñamos que golpear en longo. Nós tentamos xogar, pero non se podía porque nos apertaban moi ben. Foi un pouco complicado de cara ao noso xogo. Non nos soubemos atopar, por así dicilo, e custounos un pouquiño máis".
O ariete deportivista advirte que "non estivemos cómodos. Eu creo que faltou un pouco de mobilidade, sobre todo os de dentro e os de arriba. Pero fixemos bo partido no que tiñamos que facer, que tamén era protexer o seu punto forte, os extremos e os centros. Fixemos un moi bo partido nese aspecto".
Parella en ataque con Lucas na Malata, explica que "na primeira parte estivemos os dous máis ou menos alá arriba. Xa vimos que non atopabamos xente por dentro para xogar, entón xa na segunda parte o míster díxolle a Lucas que se baixase un pouquiño máis e o seu pivote fixo como unha marcaxe individual a Lucas. Non lle deixaba tocar o balón e iso tamén nos prexudicou a nós, que Lucas non poida tocar un balón prexudícanos o noso xogo tamén".
Do AD Ceuta FC, rival este domingo 23 de abril en ABANCA-RIAZOR (19:00 horas, TVG-2 e InSports.tv), subliña que "sabemos ao que xoga, gústalle ter a pelota, xerar cousas con balón. Será un partido bonito para os dous equipos".
Finalmente, a nivel individual nestes meses na Coruña, Max Svensson confesa que "madurei un pouco no xogo. Antes ía un pouco máis ás toas, pero co tempo vasche dando conta de moitas cousas".